En marcha a achega de propostas a Galiciencia 2013

xoves, 5 de setembro do 2013 Redacción

Participantes na edición 2012 de Galiciencia

O Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole acaba de abrir o prazo de recepción de proxectos para a Galiciencia 2013, que ficará operativo até o vindeiro 23 de outubro. Lembrar que se trata dun evento destinado aos estudantes de Secundaria (facendo fincapé nos da nosa terra pero abríndose tamén aos do resto do Estado) que estean a dar forma a traballos científicos e tecnolóxicos do índole máis variado e, polo tanto, ao tecido galego de investigadoras e investigadores do día de mañá. Trátase da meirande feira galega destas características, celébrase cada ano no parque empresarial ourensán e serve entre outras cousas para espertar e fortalecer vocacións científicas entre a nosa mocidade. O proceso de selección que seguirá ao prazo de recepción de propostas, agora aberto, saldarase coa escolma de 50 equipos participantes definitivos.
O evento, que chega á súa oitava edición, terá lugar entre o 20 e o 22 de novembro nas instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. A súa celebración, engade a Tecnópole, é posíbel grazas ao apoio da Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación.
O requisito fundamental para participarmos é formar un equipo no que concorran varios alumnos e un profesor e contar a idea en tres folios, xa sexan proxectos experimentais e tecnolóxicos ou traballos documentais. Este ano haberá en Galiciencia, entre outras actividades, varios obradoiros relacionados coa celebración do Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga e un espectáculo científico que poderá seguirse en streaming (en vídeo vía internet) dende todos os centros de ensino de Galicia. Como novidade, a programación da Galiciencia incluirá este ano unha actividade demandada polos docentes galegos e que se vai desenvolver previamente á celebración do evento: entre outubro e principios de novembro celebraranse nas catro provincias obradoiros de capacitación dirixidos aos profesores e profesoras para que poidan axudar aos seus estudantes a preparar proxectos científicos e tecnolóxicos, tanto para presentar á edición da Galiciencia do ano vindeiro como a outros certames semellantes estatais.

PUBLICIDADE