En marcha VinoVerdadero.com, revista dixital galega para contribuír á democratización do viño na Internet

venres, 12 de xuño do 2015 Fernando Sarasketa


A empresa galega Abertal vén de poñernos ao tanto dunha iniciativa en cuxo desenvolvemento tivo ocasión de participar, a revista dixital VinoVerdadero.com, presentada recentemente ante os medios e os profesionais do sector como “un paso cara a democratización do viño na Internet”. A publicación, posta en marcha na nosa terra e presentada en Compostela no mes de maio por RDF Comunicación, diríxese en boa medida a tentar achegar información veraz e fiábel sobre o eido vinícola, contribuíndo a separar o gran da palla en tema de viños e lembrar até que punto os medios e determinados profesionais contribúen a deixar viños de valía no anonimato e a salientar outros “que poderían pasar sen pena nin gloria polo mercado”, contando con fondos case ilimitados para darse a coñecer.
Segundo fan saber os responsábeis deste novo medio especializado galego, “o viño verdadeiro ten nesta nova revista en liña o seu espazo de comunicación, un viño verdadeiro que como tal sexa respectuoso coa terra, as viñas, as uvas e as persoas... viños que non se agochan entre frases feitas escritas en etiquetas deseñadas para convencernos pero que, na maioría dos casos, non significan nada”. En base a isto, un dos obxectivos básicos da plataforma é informar de casos concretos de esforzos concretos de persoas a prol dos caldos de calidade, “nomes como os de Xurxo Alba, Alberto Nanclares, Dominique Roujou ou Pilar Higuero…”, que xunto con ouros produtores contarán na revista como son os seus viños, como foron e como é unha vida marcada pola viña.
Respecto á salientábel listaxe de colaboradores, a web conta coa presenza de expertos como o xornalista José Luis Louzán (pioneiro en blogs especializados sobre o sector a través de La Trastienda e autor de La Revolución del vino), Joan Gómez Pallarés (responsábel e redactor único do blog De vinis, en activo dende xuño de 2006, no que publicou mais de 1.100 artigos sobre viños, receitas e restaurantes), Antonio Portela (autor das bitácoras O Viticólogo dos Bagos e Bago Miúdo) ou Mariano Fisac (impulsor do caderno Mileurismo Gourmet, dende o que propón unha visión acesíbel e democrática da gastronomía de calidade, cun especial foco no viño).
Segundo sinalan os impulsores de VinoVerdadero.com, dando apoio ao proxecto atópase un equipo multidisciplinar con profesionais do mundo do viño, da comunicación, da consultoría e das novas tecnoloxías da información, representado este último ámbito pola firma de Carballo Abertal, cuxo traballo “cobra especial importancia ao ter traducido a un formato concreto as ideas e peticións dos creadores da revista”, sinalan estes, que engaden que se trata “dun formato áxil que serve igualmente como plataforma para a comunicación textual, audiovisual ou como tenda de viños”. E explican: “O reto non era pequeno pero o resultado está a altura do que agradábamos”.
Respecto dos vídeos, un dos piares da revista, estrutúranse en tres formatos diferentes: El viaje (pezas completas que nos levan pola traxectoria vital dos expertos convidados e a súa relación co viño), Palabra de vino (anacos, afirmacións contundentes, de peso, escollidas das conversas cos protagonistas) e, por último, as pezas propias e específicas das redes sociais, “moito máis breves e con información máis condensada”.
Polo que atinxe á tenda en liña de caldos, sinalan que “non pretende ser un catálogo ao estilo habitual ateigado de marcas, se non máis ben unha selección persoal de viños verdadeiros”. E engaden: “Somos unha revista e non un almacén, polo tanto decidimos que os envíos realizaranse dende a propia adega, condicionando así a venda”. Por certo que algúns destes caldos apenas estarán días na tenda debido “a alta demanda e a baixa produción”. Son viños dos que só se elaboran 300 botellas, por exemplo.

PUBLICIDADE