En marcha Galicia Open Future, iniciativa de Telefónica para converter o Gaiás en centro de emprendemento

luns, 12 de maio do 2014 Redacción

Finalmente o Pacto Dixital galego ao que se adheriu a compañía Telefónica semella que comeza a dar froitos visíbeis. Sen ir máis lonxe, este luns a operadora e o Goberno galego puxeron en marcha de xeito oficial a iniciativa Galicia Open Future, unha estratexia conxunta para “potenciar o emprendemento innovador na nosa terra e integrado na rede Open Future da multinacional”. A iniciativa, informaron, achegará os seus recursos e ferramentas para o desenvolvemento de 50 proxectos empresariais innovadores. Estes poderán sacar proveito, ademais, do Programa de Incentivos á Excelencia Innovadora en materia TIC da Xunta que conta cun orzamento de 750.000 euros.
A convocatoria estará aberta dende este luns até o 15 de xuño. Estes e outros datos da mesma foron dados a coñecer esta mañá na Cidade da Cultura polos responsábeis dos departamentos implicados na iniciativa: o director de Telefónica en Galicia, Manuel Alonso; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), Mar Pereira; o director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, o director do IGAPE, Javier Aguilera e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González. Segundo explicaron, Galicia Open Future terá a súa sede no propio complexo do Gaiás en Santiago, onde estará o centro de crowdworking que acubillará as iniciativas empresariais seleccionadas. E que vantaxes, alén das orzamentarias, terán estas empresas ao alcance da man dende o espazo de traballo colaborativo de Telefónica? Pois basicamente (e resumindo), poderán acceder a actividades de formación e asesoramento, establecer ligazóns con profesionais e entidades internacionais que lles acheguen azos para dar forma aos seus proxectos e activar programas específicos de maduración baixo a tutela dos máis recoñecidos expertos. Asemade, disporán dos espazos de crowdworking en liña da Open Future, amais do acceso á plataforma Openfuture.org á que se conectan cada día milleiros de novos empresarios.
Segundo informou Telefónica, “a duración do programa é de medio ano, prorrogábel en períodos de tres meses”. Co remate desta fase, seleccionaranse os tres mellores proxectos de cada convocatoria. O que se busca é que na segunda etapa o centro pase a ser unha aceleradora de proxectos TIC baseada nos modelos previos postos en marcha pola operadora en Europa e América Latina, un modelo que mantén as portas abertas para a colaboración con universidades, viveiros e incubadoras empresariais, colexios e asociacións empresariais.
Por certo que as empresas e profesionais interesados en incorporarse a Galicia Open Future poden presentar as súas candidaturas cumprimentando o formulario de inscrición habilitado na web específica de Galicia Open Future. Ademais, terán a posibilidade de achegar dúbidas no correo electrónico galicia.crowdworking@openfuture.org. O proceso de escolma rematará a mediados de xullo e o centro de crowdworking estará operativo despois do verán, engadiu Telefónica.
Na presentación da iniciativa tamén se debullaron as características do Programa de Incentivos da Xunta aprobado no último Consello de Goberno. Este establece tres tipos de axudas da man da Consellería de Economía e Industria. Por unha banda, a Axencia Galega de Innovación achega 525.000 euros para o patrocinio de ideas e incentivos para a posta en marcha de proxectos emprendedores; e por outra banda o IGAPE, a través de Xesgalicia, pon en xogo 225.000 euros para préstamos reembolsábeis. Mediante o patrocinio de ideas emprendedoras, subministrarase a cada un dos profesionais ou startups seleccionados en cada unha das convocatorias de Galicia Open Future un bolsa de 2.000 euros para a súa participación no proxecto. Ademais, a GAIN publicará na súa web unha descrición dos proxectos seleccionados como exemplo de boas prácticas innovadoras. As tres mellores iniciativas elixidas como mellores en cada convocatoria recibirán unha axuda de 25.000 euros cada unha para a execución do proxecto. A terceira liña do programa contempla tres préstamos reembolsables de 25.000 euros cada un para os tres mellores proxectos anuais, que se constitúan previamente como empresa.
Segundo lembrou Telefónica, “Galicia é a primeira Comunidade do Estado na que se abre unha convocatoria para Open Future”. Con esta estratexia concreta, engadiu a empresa, colle corpo “un dos compromisos adquiridos por Telefónica tras asinar o Pacto Dixital de Galicia o pasado mes de novembro”. Para o seu funcionamento e operativa, a firma de telecomunicacións achegará 850.000 euros anuais. O centro ocupará unha superficie aproximada de 400 metros cadrados nas instalacións do Centro de Emprendemento do Gaiás, engadiu a empresa, que tamén lembrou na presentación que Open Future, a nivel global, é un proxecto internacional aberto á participación de investidores e startups de todo o mundo, “baseado nun modelo de transformación e aceleración de empresas integrado, que se apoia en dúas ferramentas, unha plataforma online e os centros de crowdworking”. Ademais, Openfuture.org é “o espazo virtual onde os usuarios acceden a retos que requirirán da demostración das súas capacidades e onde os investidores poden visualizar a evolución individual de proxectos e participantes”, explicou Telefónica.
Informar tamén que Open Future Galicia é resultado da adhesión da operadora ao Pacto Dixital autonómico, unha alianza estratéxica asinada por unha ducia de empresas e o Clúster TIC de Galicia co obxectivo de atraer investimento á nosa terra, favorecer a internacionalización das PEME do país e acadar colaboración activa entre as grandes e pequenas empresas para conseguir o medre do sector. As empresas tecnolóxicas que subscribiron o Pacto, segundo lembran Telefónica e AMTEGA “o primeiro deste tipo que se realiza en España”, son Telefónica, HP, Indra, Everis, Tecnocom, Iecisa, Satec, Televés, R, Altia, Coremain, Vodafone e o Clúster TIC Galicia.

PUBLICIDADE