«En Galicia estanse a facer cousas incribles e aínda imos facer máis» – Patricia Argerey, directora de GAIN

xoves, 20 de decembro do 2018 Redacción

Leva dous anos á fronte da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e fala con seguridade e ilusión do gran talento que existe na nosa comunidade e dos proxectos tan innovadores que se están levando a cabo. Patricia Argerey fala con nós para amosarnos os logros acadados pola axencia e dos plans de futuro, onde destaca que viven obsesionados con que os resultados do I+D+i teñen que chegar ao mercado.

- Segunda comunidade con maior investimento en I+D no ano 2017. É o resultado de moito esforzo supoño…
- Pois si, a verdade é que é o resultado de moito esforzo de todos os axentes, loxicamente, porque este indicador non só mide a axuda da Administración Pública e do sistema universitario de Galicia, senón tamén do sector privado que está facendo un esforzo moi grande xa que ten un investimento máis baixo polo que proporcionalmente o seu esforzo é maior. É un bo resultado da aposta da Xunta de Galicia e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) pola I+D+i, e quero lembrar que o orzamento desta axencia se incrementou de maneira moi significativa e, concretamente, de cara os anos vindeiros experimentamos un crecemento do 21%. Isto tradúcese en programas, en moita actividade co ecosistema do I+D+i e en moito esforzo por parte de todos estes axentes. Confiamos en que de forma sostida isto se vaia mantendo porque é moi importante que a panca que poñemos desde a Administración se sosteña durante o tempo.

- Aínda que os datos son bos seguro que queda moito camiño por andar pero, cales son os logros que acadamos?
- Cabe destacar tres ámbitos referentes. O primeiro é a compra pública innovadora. Celebrouse en Santiago o primeiro Foro Iberoamericano de Compra Pública Innovadora que dalgunha forma foi o xeito de escenificar a posición que Galicia ocupa neste ámbito e foi un éxito. No período 2007-2013 o 40% dos proxectos de compra pública executáronse en Galicia, con proxectos tan importantes e novidosos como o Hospital 2050 Innova Saúde. Agora estamos investindo 100 millóns de euros neste ámbito onde temos o proxecto do Polo Tecnolóxico de Rozas vinculado aos vehículos aéreos non tripulados ou o proxecto para resolver o tema da néboa na A-8.
Por outra banda, temos unha obsesión e é que os resultados teñen que chegar ao mercado e se teñen que converter en produtos e solucións que sexan comercializables e que xeren retorno e empregos. O programa Ignicia apoia 18 proxectos dos centros de coñecemento tanto públicos como privados onde a Administración achega un financiamento e, se teñen un resultado, hai un retorno de ata un 30 por cento do que se xere no mercado como consecuencia da comercialización. No caso de que falle eses fondos convértense nunha subvención para eses grupos de investigación. O terceiro é a rede de aceleradoras, onde temos apoiado máis de 900 proxectos nos últimos anos en diversos sectores dos que máis de 225 se teñen convertido en realidades empresariais que están facturando.

- Cales son os obxectivos a curto prazo da Axencia?
- En primeiro lugar poñer en valor o excelente coñecemento e valor que hai en Galicia en todos os organismos que fan I+D+i e temos que facer un esforzo moi importante en visibilizalo e aliñalo coas demandas do noso tecido empresarial. En segundo lugar, temos que seguir avanzando na transferencia con iniciativas que temos pensadas para o próximo ano no eido da formación para que os nosos investigadores poidan ter máis ferramentas para reforzar esta parte. E, por último, seguir traballando nese retorno do que falabamos para xerar máis empresa, máis emprego, máis facturación e que, en definitiva, o noso tecido industrial estea máis preto desa innovación e capacidades que temos en Galicia. A medio prazo xa temos un proxecto comezado moi ambicioso que é o dos Digital Innovation Hubs, impulsado pola Comisión Europea no que estamos traballando para que nos permitan dar un paso máis na especialización intelixente de Galicia.

- As empresas galegas estanse animando a investir en I+D, proba diso é o crecemento neste ámbito na nosa comunidade. Existen facilidades para estas inversións empresariais?
- O noso tecido está formado por PEME e aquí hai que falar de capacitación, de formar un departamento, etc. Para iso precisamos persoas. Desde a Axencia Galega de Innovación, dentro do Programa de Talento puxemos en marcha o Programa Principia, destinado a menores de 35 anos que queiran desenvolver a súa tarefa dentro da empresa no eido da innovación. Fixemos varias convocatorias e levamos apoiadas 370 contratacións que están traballando en empresas contribuíndo o I+D. Ademais neste programa conseguimos acadar a igualdade, xa que o 50% das contratacións son mulleres; e tamén un alto número de postos indefinidos cun recoñecemento salarial importante.
Outro dos programas a destacar vai dirixido ás PEME en dúas vías: o Conecta PEME e o Innova PEME. O primeiro xa vai pola cuarta edición e é un dos programas máis importantes para impulsar o I+D en Galicia. Baséase na colaboración e ten unha traxectoria moi consolidada xerando un total de 150 millóns de euros nas catro convocatorias. Por outra banda está Innova PEME, que o puxemos en marcha no 2017 apoiando a 49 empresas de forma individualizada na súa traxectoria no mundo da innovación. Está dirixido a microempresas e están experimentando avances cualitativos moi importantes.

- A innovación ten un alto risco xa que hai proxectos que saen adiante e outros que fallan. Como se anima as empresa a arriscar?
- No labor de convencemento temos moito camiño percorrido porque as empresas son conscientes de que a innovación e a dixitalización son dous piares fundamentais para ser competitivos e só por ese camiño van poder ter un mellor posicionamento no mercado. Nós estamos aquí para asesorar e axudar a todas esas compañías que van por ese camiño. Temos experiencias marabillosas de empresas tradicionais que nunca ata o de agora fixeran innovación e simplemente a través dun contacto cun centro tecnolóxico transformaron un modelo de negocio en outro completamente diferente, cun produto elaborado e que se está comercializando cunha grande aceptación.

- Un dos últimos impulsos de GAIN foi o sector do deseño, pero Galicia ten moitos sectores nos que podemos ser punteiros, verdade?
- O Programa de Deseño está tendo moito éxito entre os sectores porque, dalgunha forma, está axudando a identificar as capacidades que temos en Galicia nesta materia. Non podo deixar de mencionar o caso de Sargadelos, unha industria que se basea fundamentalmente no deseño. O que estamos vendo é que o deseño, como innovación non tecnolóxica, permite ás empresas multiplicar a súa facturación. O deseño pode facer un produto máis atractivo ou cambiar os seus atributos. Estamos xerando casos de éxito e de políticas de apoio ao deseño e, polo tanto, imos seguir traballando nesta vía. Por poñer exemplos galegos, temos a TMC Cancela de maquinaria agrícola e forestal pioneira a nivel mundial, o coche autónomo apoiado por PSA Citroën e o Centro Tecnolóxico de Automoción.

- A biotecnoloxía é un mundo que parece que está en plena efervescencia e a Xunta de Galicia é consciente diso. É unha aposta de futuro?
- As empresas biotecnolóxicas facturan máis e se están xerando máis postos de traballo no sector. Unha de cada catro empresas do sector está internacionalizada, comercializa os seus produtos fóra e hai un incremento do uso da biotecnoloxía nun 86% en empresas galegas non tecnolóxicas. Hai moitos avances neste ámbito onde Bioga, o clúster da biotecnoloxía, ten un papel fundamental e é un axente moi dinamizador. É un sector en crecemento e con moitas posibilidades de expansión e está chamado a ter un maior desenvolvemento.

- Un desexo para os vindeiros anos?
- Que teñamos máis innovación e dixitalización. Que o coñecemento e o tecido industrial poidan estar cada vez máis cerca, algo importante para GAIN. E que poidamos sacar todo proveito do talento galego que temos. En Galicia estanse a facer cousas incribles e aínda imos facer moitas máis. E non só manter o noso talento, senón tamén ter a posibilidade de atraer talento doutros países. Temos un caldo de cultivo e unhas capacidades moi importantes.

PUBLICIDADE