En 2018 asináronse dixitalmente case 900.000 documentos nos nosos xulgados

luns, 25 de febreiro do 2019 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, veñen de facer reconto do acadado en 2018 en materia de avance dos procedementos electrónicos levados a cabo nosos xulgados. Segundo fan saber saber, o ano que vimos de deixar atrás asináronse dixitalmente preto de 900.000 documentos nos xulgados galegos, “unha cifra cinco veces superior á rexistrada o ano anterior”, sinalan, e que foi posíbel grazas á implantación do Expediente Xudicial Electrónico en Galicia impulsada polas devanditas entidades.
Segundo explican, o incremento do uso da sinatura dixital está directamente relacionado co aumento de órganos xudiciais habilitados con esta funcionalidade, que pasaron de 2 a principios de 2017 a 136 ao remate de 2018. Ademais, engaden, a integración da sinatura dixital co sistema de xestión procesual Minerva que empregan xuíces, letrados, funcionario e con Fortuny o sistema dos fiscais “facilita un maior uso da firma electrónica”.
AMTEGA e Vicepresidencia tamén salientan que foi decisiva para os devanditos logros a posta á disposición de maxistrados, letrados, fiscais e funcionarios a consulta online de calquera expediente xudicial a través do Visor, unha solución única e multidispositivo, que está implantada xa desde 2018 na totalidade dos órganos xudiciais galegos. “O ano pasado o visor rexistrou 43.000 visitas, un 34% máis que en 2017”, informaron, engadindo que o repositiorio unificado xudicial, “a pedra angular é da que se serven as novas aplicacións e servizos dixitais (o visor, a sede electrónica, o portal de xustiza...)”, integrou máis de 32 millóns de documentos, duplicando as cifras de 2017. Amais, cada día é quen de rexistrar 40.000 novos documentos e outros 50.000 modificados.

PUBLICIDADE