En 2015 realizáronse 375.000 xestións telemáticas nas notarías galegas

mércores, 24 de febreiro do 2016 Redacción

O Consello Xeral do Notariado e o Colexio Notarial de Galicia veñen de achegar unha serie de datos relevantes sobre o nivel de uso de novas tecnoloxías no sector. Segundo fan saber, en 2015 realizáronse 375.000 xestións telemáticas en notarías galegas. Ademais, dende o ano 2007 incrementáronse nun 456% o número de xestións telemáticas realizadas no sector dentro da nosa terra. Nun plano máis detallado, en Galicia, ao longo do 2015, inscribíronse case 45.000 escrituras no Rexistro da Propiedade pola vía dixital.
Un dos principais beneficios disto, segundo informa María Isabel Louro, decana do Colexio Notarial de Galicia, reside en procesos como o da constitución de empresas, “que hai uns anos podían levar un cinco semanas e requirir dúas ou tres visitas á notaría, hoxe en día poden facerse en 24 horas”.
Este bo estado de saúde TIC é aplicábel a todo o conxunto do Estado. De feito, explican fontes do Consello Xeral, “o notariado español é un dos colectivos profesionais que máis contribúe coa Administración electrónica e, de feito, conta coa meirande rede informática do Estado, unha rede que integra e conecta en tempo real as máis de 2.800 notarías españolas para poder facer as xestións a distancia, coa mesma seguridade e cun considerábel aforro de tempo para os cidadáns”.
A intención, tanto no conxunto do territorio estatal como na xeografía galega, é ir máis. Por esta razón, puxéronse en marcha medidas de promoción das canles tecnolóxicas como por exemplo o reparto de 8.000 trípticos informativos repartidos por todo o territorio galego e informando aos cidadáns das distintas xestións telemáticas que poden facer no seu nome e os beneficios que supoñen para eles: desde o envío de copias electrónicas das escrituras aos rexistros para a súa inmediata inscrición, até a constitución dunha empresa en liña en 24 horas, ou o pago de determinados impostos. Por exemplo, a copia autorizada electrónica notarial (en 2015 enviáronse case 5.500 en Galicia) permite que varios cidadáns asinen unha escritura pública de maneira simultánea desde distintos puntos da xeografía española, “o que supón aforro en tempo, desprazamentos e custos”. Polo tanto, este material editado e distribuído polo Consello Xeral do Notariado detalla como axuda a tecnoloxía nos procesos no que intervén un notario e en que vantaxes se traducen para o cidadán.
O Consello Xeral tamén informa que “no ano 2015 solicitáronse máis de 5.000 certificados online de últimas vontades desde notarías galegas”. Ademais requiríronse 5.000 certificados de seguros de vida dende as oficinas da nosa terra. En suma, ao longo do ano pasado, realizáronse 375.649 xestións de maneira telemática nas notarías galegas, o dobre que en 2010 (166.772) e catro veces máis que en 2007 (82.250). Segundo informan dende o Consello Xeral e o Colexio Notarial de Galicia, é de salientar “o gran número de xestións telemáticas que se realizan entre o notariado e diversos organismo da Administración”. Por exemplo, o número de envíos de copias electrónicas das escrituras a Concellos e Comunidades Autónomas en 2015 foi de case 25.000 en Galicia, e o número de fichas notariais, cos principais datos extraidos das escrituras de interese para as Administracións, superou a cifra de 180.000”.

PUBLICIDADE