En 2014 incautáronse artigos valorados en máis de 17 millóns por delitos contra a propiedade intelectual

xoves, 4 de xuño do 2015 Redacción

Os Ministerios de Interior e de Educación publicaron esta semana o seu Balance 2014 das actividades contra a vulneración dos dereitos de propiedade intelectual. Ou sexa, o informe habitual (e anual) das actuacións das forzas policiais desenvolvidas para protexer os ditos dereitos, sendo as novas tecnoloxías un dos principais eidos de traballo das autoridades. Na investigación sinálase, entre outras cousas, que as Forzas e Corpos de Seguridade desenvolveron o ano pasado 532 intervencións e detiveron ou imputaron a 417 persoas por infraccións. Asemade, incautaron 134.993 obxectos valorados en máis de 17 millóns de euros, tres cuartas partes dos cales eran obxectos dixitais.
Este informe recolle o total das intervencións policiais realizadas tanto polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (Policía Nacional e Garda Civil) como polos Corpos de Policía Local que facilitan datos ao Sistema Estatístico de Criminalidade.
As cifras que se achegan, malia ser rechamantes, son menores cás doutros anos. Segundo se apunta no informe, “os feitos ilícitos coñecidos que vulneran dereitos de propiedade intelectual seguen a tendencia descendente dos últimos anos e diminúen un 2,4%”. Polo que respecta ao volume de obxectos intervidos rexistra unha caída do 43,9% e as detencións ou imputacións efectuadas descenden un 1,4%.
A distribución territorial da delincuencia que afecta á propiedade intelectual concéntrase sobre todo en Madrid, Andalucía, Cataluña, e Comunitat Valenciana.
Dentro do conxunto dos efectos intervidos o máis cuantioso é o sector que se refire aos soportes de almacenamento dixital (CD/ DVD/ANÁLOGOS), co 71,2% do total.
Na loita contra a vulneración dos dereitos en Internet, a investigación lembra que a Comisión de Propiedade Intelectual (CPI) dispuxo en 2012 unha Sección Segunda competente no procedemento administrativo-xudicial de salvagarda dos devanditos dereitos na Rede. Desde o inicio da súa actividade e até a data de 31 de maio de 2015, presentáronse ante a Sección Segunda da CPI 442 solicitudes, das cales se resolveron expresamente 413 (o 93,43% das solicitudes presentadas). Dentro das resolucións expresas, infórmase que das 238 páxinas afectadas ou requiridas (entre elas, 71 webs de ligazóns), 233 retiraron até o de agora os contidos identificados pola CPI que fornecían “de xeito ilícito”. Un total de 31 páxinas cesaron por completo a súa actividade.

PUBLICIDADE