Empresas mexicanas visitan a sede de Redegal en Ourense

xoves, 23 de novembro do 2017 Redacción

Os empresarios mexicanos reunidos co equipo de Redegal e coa Deputación de Ourense

Redegal, axencia galega de mercadotecnia dixital e ecommerce, acolleu onte a segunda xornada da Misión Comercial Inversa que organiza o Clúster TIC Galicia, unha iniciativa patrocinada pola Xunta (a través do IGAPE) e que busca fortalecer as relacións comerciais e de cooperación con empresas mexicanas para que dean conta do potencial e das posibilidades do noso tecido empresarial e do noso pulo innovador. Durante a xornada, unha delegación mexicana (os responsábeis de Dentix México, Deportes Martí, West Mex, Piagui, Agencia Digital, Medio Tiempo, Desarrolladora en Proyectos de Seguridad Electrónica IT, Ubiquity brands e ABC XYZ Espacios de inversión) visitou as instalacións de Redegal en Ourense, onde os seus integrantes tiveron oportunidade de coñecer as principais liñas de traballo da firma galega e mailo seu equipo de traballadores.
Cómpre lembrar que Redegal mantén estreitas canles de colaboración co país americano. De feito, en 2014 inaugurou a súa oficina en Cidade de México, onde conta xa con números clientes de diversos sectores e representa o 26% da facturación. En palabras de Jorge Vázquez, director executivo (CEO) de Redegal, “México foi noso primeiro paso para a internacionalización e é un pracer poder recibir aos nosos partners mexicanos na nosa sede galega”.
O programa da visita, que se prolongará ata o venres, inclúe unha axenda de encontros con outras empresas punteiras de Galicia. Durante a xornada deste xoves, os participantes volverán de novo ás oficinas de Redegal na sesión de tarde.
Na xornada de onte, a delegación mexicana tamén tivo ocasión de coñecer o casco histórico de Ourense e de visitar a sede da Deputación de Ourense, onde se reuniron co presidente Manuel Baltar.

PUBLICIDADE