Empresas galegas e portuguesas poderán acceder a clouds de supercomputación

mércores, 26 de setembro do 2012 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en colaboración cos Centros Tecnolóxicos AIMEN, CATIM e AIMMAP, vén de pór a disposición das pequenas e medianas empresas de Galicia e o Norte de Portugal a plataforma de computación científico-técnica de alta capacidade CLOUDPYME. Este cloud, sinalan fontes do centro galego emprazado no Campus Sur de Santiago, está a ser desenvolvido dentro do proxecto CLOUDPYME coa finalidade de cubrir as demandas computacionales das empresas da Eurorrexión para a materialización dos seus produtos.
A simulación numérica, engade o CESGA, é unha ferramenta fundamental para a competitividade das empresas, facilitando a xeración de novos produtos robustos e con gran calidade, reducindo os custes do seu desenvolvemento. Decote, a empresa que xa utiliza a simulación, emprega a súa propia infraestrutura informática, bloqueando a mesma para outras tarefas precisas ou limitando o número de ensaios. Esta plataforma nova, de feito, suprime estes atrancos, abrindo a maiores a posibilidade de empregar simulación numérica a aquelas empresas que aínda non a utilizan nos seus procesos de innovación, incrementando a súa competitividade.
A plataforma permite ás empresas conectarse á infraestrutura tecnolóxica instalada no Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA, e ensaiar cos seus prototipos virtuais baixo demanda á medida das súas necesidades, “de forma segura e confiable”, sinálase.
Nun principio, a plataforma ofrece o acceso a software de código aberto para CAD e CAE, que se adapta ás necesidades das firmas que están a deseñar novos produtos. “Con todo”, engade o CESGA, “a plataforma permite a instalación doutro software de cálculo ou análise de datos que a empresa necesite para os seus procesos de innovación”.
CLOUDPYME, informa o centro galego, “ten o apoio dunha infraestrutura de computación estable e confiable, formada por máis de 1.200 procesadores e 31.000 GB de espazo en disco, de tal forma que a empresa usuaria poida facer aqueles ensaios virtuais que considere necesarios sen limitarse por falta de capacidade, co fin de crear novos produtos competitivos”.
O proxecto CLOUDPYME dá a oportunidade de probar esta nova plataforma de forma sinxela, por un tempo limitado, e sen que se lle repercute ningún custo pola súa utilización. Xa pode solicitar o acceso a través da páxina web de seu.
O proxecto, polo miúdo
O proxecto CLOUDPYME está a crear unha infraestrutura sustentable de soporte ás Pequenas e Medianas Empresas (PEME) do sector manufactureiro, para mellorar a súa competitividade internacional a través da inclusión de software libre de CAD e CAE que lles axuden a mellorar o deseño dos seus produtos e procesos. O proxecto está desenvolvido polo CESGA e o Centro Tecnolóxico AIMEN (en Galicia) e os Centros Tecnolóxicos CATIM e AINMAP (no Norte de Portugal) e ofrece non só capacidade de computación senón tamén soporte técnico asociado ao deseño e simulación numérica de produtos. Está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro da segunda convocatoria de proxectos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP).

PUBLICIDADE