Empresas de éxito en Internet deron a coñecer en Lugo as claves do seu medre

xoves, 16 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

Hoxe en día, os negocios en liña son un ámbito positivamente cuberto. Que hai vendedores xa o sabemos todos, pero o que non estaba totalmente claro é que houbese compradores. E tantos. Segundo datos extraídos dun informe do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e a Sociedade da Información (ONTSI), a actividade da compravenda dixital xerou en 2007 un negocio de máis de 4.700 millóns de euros, o que representa un medre do 72% con respecto a 2006. Ademais, a cifra de compradores pasou de ser do 27,3% dos internautas a abranguer hoxe en día a un 40% dos mesmos. Dito doutra maneira: oito millóns de persoas confían na Rede para facer nela o mesmo que viñan facendo nas tendas reais. Estes e outros datos foron dados a coñecer hoxe en Lugo na xornada organizada pola Sala SITE da Fundación CEL en colaboración coa Obra Social de Caixa Galicia e dentro do proxecto EmprendeTIC 2009. O obxectivo do encontro, do que xa dimos conta onte, foi promover até onde fora posible a posta en marcha de portais de venda virtuais.
Ao xuízo de organizadores e participantes, no ámbito de traballo da propia Rede están as claves para ir deixando atrás a focha produtiva. Dito doutra maneira: a Internet entende ante o impensable as redes de influencia dunha empresa. Así, o que non se vende a un metro de distancia, ben pode facerse, e faise, a máis de mil quilómetros.
Durante a xornada, precisamente, fíxose fincapé no valor da Internet como valor engadido polo meirande ámbito de acción empresarial que achega, polo seu meirande alcance entre clientes potencias e pola redución de custes que presenta respecto á posta en marcha dunha tenda física. A sesión, que contou con máis de cen asistentes, abriuse co relatorio de Manuel Laborda, membro da consultoría tecnolóxica Barrabés Internet, compañía que centra unha boa parte da súa estratexia en promover a Rede coma unha porta aberta para o mercado onde compiten os grandes. Máis polo miúdo, unha canle que fica as 24 horas do día accesible para todas as empresas, sexan do tamaño e do eido de actividade que sexan.
Pola súa parte, Alberto Álvarez Flores (pertencente a Álvarez Real Abogados) afondou nos aspectos xurídicos máis salientables do e-comercio no que se refire á protección de datos persoais, centrándose a relatora Pilar Otero (responsable de Banca Electrónica de Caixa Galicia) nas particularidades que ten que presentar unha tenda virtual para abrirse camiño no mercado dixital, sendo unha das máis importantes incluír un medio de pago de emprego doado e fiable, entre os que cómpre salientar (engadiu) as TPVs virtuais ou pasarelas de pago.
Por certo que xornada celebrada en Lugo tamén participaron activamente dúas empresas locais que están a centrar as súas estratexias no espazo en liña. Representantes das dúas firmas, Puzzle Motor (compañía de produtos para coches fabricados en composites de altas prestacións) e Picas Rojas (material para xogos e ilusionismo), compartiron neste encontro algúns dos feitos máis salientables das súas respectivas experiencias no virtual: ámbalas dúas xurdiron hai dous anos ao abeiro da Fundación CEL e ámbalas conciben a Internet coma un mercado onde o propio formato de comunicación, venda e promoción compensa en boa medida a ausencia dunha ampla rede de emprazamentos comerciais físicos.

PUBLICIDADE