Empresarios da Tecnópole introdúcense nos segredos da Rede participativa

xoves, 19 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

A potencialidade da Web 2.0 nos negocios é un mundo que se vai descubrindo paseniño (cómpre comezar dende as definicións mesmas) e, a ser posible, con asesoramento. En realidade, dicir Web 2.0 non é dicir ren, polo menos até que nos poñemos mans á obra: participando, interactuando e promovendo que os demais tamén o fagan. Achegar estes e outros principios de colectividade activa foi un dos grandes obxectivos da xornada celebrada hoxe nas instalacións da Tecnópole (o Parque Tecnolóxico de Galicia), na que concorreron arredor de doce empresarios do propio complexo empresarial e máis o experto en novas tecnoloxías Genís Roca, responsable de dar a coñecer polo miúdo as moitas vantaxes da nova orde da rede para o medre da produtividade.
O obradoiro, que terá en breve continuidade por mor da alta demanda rexistrada (o carácter práctico das sesións obrigou a limitar a cifra de participantes), desenvolveuse co obxectivo de adestrar aos empresarios nas utilidades de negocio da nova Internet e nos recursos principais que teñen ao seu alcance para ir dando conta dos cambios (moitos) que vai sufrindo a Rede. A xornada, que foi de balde, inseriuse dentro do compromiso da Tecnópole por fomentar o uso das novas canles e servizos avanzados entre os membros do Parque Tecnolóxico e, en xeral, do tecido económico-produtivo galego.
Máis polo miúdo, estas foron algunhas das cuestións tratadas ao longo desta xornada, todas elas vinculadas de maneira estreita á Internet participativa que, entre outras cousas, esixe actividade por parte de todos e cada un dos seus usuarios:
· Aprender a procurar información máis rápido e mellor en Internet.
· Manexarse coas subscricións RSS.
· Localizar as redes sociais con maior potencial.
· Coñecer casos prácticos de éxito do uso destas tecnoloxías para facer negocio.
Como dixemos, o obradoiro foi impartido por Genís Roca, consultor estratéxico en modelos de presenza na Rede que desenvolve a súa actividade en grandes corporacións, institucións e gobernos de diferentes países. Foi director xeral de Infonomía, a rede decana de innovación en España, e antes foi xerente das Iniciativas en Internet e Community Manager da Universitat Oberta de Catalunya. Roca foi un dos relatores na Conferencia Internacional de Parques Científicos e Tecnolóxicos organizada por Tecnópole en novembro de 2008.

PUBLICIDADE