Emprendia organiza unha xornada sobre as novas opcións para o financiamento dunha EBT

luns, 4 de xuño do 2012 Raquel Noya

O vindeiro venres, 8 de xuño, vai ter lugar en Santiago de Compostela unha xornada de apoio á creación de Empresas de Base Tecnolóxica (EBT), na que se analizarán, da man de recoñecidos expertos do sector, as diferentes técnicas de valoración económico-financieira que se manexan na actualidade, así como os mecanismos de actuación que adquiren as sociedades de capital risco, as que asumen unha parte do financiamento.
Por norma xeral este é o principal atranco que atopan as Empresas de Base Tecnolóxica á hora de botar a andar no mercado, ao ter que pasar por canles de financiamento distintas ás habituais. Xa que logo, o encontro servirá para dar a coñecer o Programa Uniemprende da Universidade de Santiago de Compostela, da man do seu director, Carlos Hernández Sande, que moderará unha mesa redonda na que participarán, Yolanda Falcón García, xerente de Inversiones Unirisco Galicia SCR e Uninvest SGECR e Alfonso Rodríguez Sandiás, profesor titular de Economía Financieira e Contabilidade da USC.
A continuación, logo dunha pausa de media hora, dará comezo unha rolda de presentacións de casos de éxito de EBS, que moderará o xerente de IGAPE Nova, Guillermo Viña González, e que contará coas intervencións de María José Varela Ferreira, directora financeira de Galchimia S.LO; Christian Sánchez Espinel, cofundador e CTO en Nanoinmunotech S.L e Lorenzo Monserrat Iglesias, director científico de Health in Code S.L.
A xornada, que se celebrará no Edificio Emprendia a partir das 9:00 horas, vai dirixida a profesionais vinculados á área de creación de empresas saídas do coñecemento e/ou da tecnoloxía, así como a persoas con iniciativas empresariais deste tipo, que poderán asistir de balde, previa inscrición en liña.

PUBLICIDADE