Emprego e Igualdade convoca un obradoiro dixital para mellorar as oportunidades dos maiores de 45 anos

luns, 26 de abril do 2021 S. P.

Entre o 11 de maio e o 11 de xullo vaise desenvolver un obradoiro de formación dixital para mellorar a empregabilidade dos maiores de 45 anos e as persoas paradas de longa duración. A iniciativa, convocada pola Xunta, centrarase nas chamadas competencias brandas, é dicir, en cuestións como organización, traballo en equipo, análise, conexión, comunicación, actualización, creatividade, xestión emocional e capacidade resolutiva. O prazo de inscrición remata o 10 de maio.
Como dixemos, a iniciativa está dirixida a persoas desempregadas maiores de 45 anos e parados de longa duración co obxectivo de mellorar as súas oportunidades laborais. Así, está enfocada á busca de emprego, ao autoemprego, á adaptación a situacións descoñecidas e aos novos contornos dixitais.
As persoas interesadas en participar no obradoiro poden anotarse online ata o próximo 10 de maio. No curso analizaranse 9 competencias brandas e o grao de uso que se fai en cada unha delas, e exporanse experiencias de persoas expertas no mundo do management, dos recursos humanos e da empresa. Así mesmo, haberá tamén sesións de adestramento individuais.

PUBLICIDADE