Emprego apoiará a transformación de 200 autónomos

martes, 16 de agosto do 2022 S. P.

A Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, en colaboración coa Fundación Ronsel, abre o vindeiro luns 22 de agosto o prazo de inscrición dunha nova edición do programa Mentoring Traballo Autónomo, un proxecto centrado en axudar aos autónomos de Galicia na adaptación ou transformación tecnolóxica dos seus negocios ás novas necesidades do mercado e a situación actual. As persoas interesadas contan até o 22 de setembro para cursar a súa solicitude a través dun formulario que se poderá atopar na web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e na Oficina do Autónomo.
O obxectivo é apoiar a 200 autónomos.
Apoiar a consolidación da actividade económica dos autónomos, acompañalos na adaptación ou transformación dos seus negocios ás necesidades de mercado e a situación actual, e contribuír mediante melloras nas áreas de xestión e outras, ao incremento dos seus contactos profesionais, e a súa actividade económica son os retos desta iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para a que os autónomos son un colectivo prioritario.

PUBLICIDADE