EmpregaTIC mellorou as posibilidades de inserción laboral de 15 mozas e mozos de Lugo

mércores, 8 de marzo do 2017 Redacción

O Concello de Lugo vén de facer reconto do xerado a través do obradoiro municipal EmpregaTIC, unha actividade cuxa presente edición arrincou en setembro co obxectivo de achegar aos desempregados locais medio ano de formación especializada no eido das novas tecnoloxías da información. Segundo fixo saber a concelleira de Economía e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, o obradoiro cumpriu “un obxectivo duplo”, por unha banda mellorar as posibilidades de inserción laboral dos 15 mozos e mozas participantes nun xacemento de emprego como son as TIC, “sector que no 2013 deu traballo a preto de 1,6 millóns de persoas en España de forma directa e indirecta”, e, por outra, poñer en valor o patrimonio documental, natural e histórico de Lugo.
O balance de EmpregaTIC, artellado nas especializades de xestión de mercadotecnia e desenvolvemento de produtos multimedia interactivos, levouse a cabo en presenza do alumnado participante. Segundo lembrou a edil, a actividade comezou o pasado 29 de setembro no Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo (CEI-Nodus) e estivo financiado pola Xunta de Galicia.
“Grazas a el”, sinalou Prieto, “púxose en valor e difundiuse o patrimonio documental e histórico do municipio, dixitalizado e recuperado por obradoiros anteriores como Urbs Lucus, Arqueo Lucus ou A Memoria da Cidade”.
Para acadar o devandito obxectivo de posta en valor do patrimonio, as dúas devanditas especialidades do obradoiro traballaron de xeito conxunto para desenvolver contido e material gráfico. Máis polo miúdo, a especialidade de mercadotecnia centrou os seus esforzos na análise de datos e a investigación sobre o uso das ferramentas de comunicación social, “para chegar ao seu público obxectivo”. Así, os participantes neste módulo desenvolveron estudos da competencia e do mercado para completar un plan de mercadotecnia online e offline con propostas de promoción do traballo realizado. “Para lograr todo isto”, dixo a edil, “empregáronse fontes de información primarias e secundarias, e ferramentas de seguimento que permitiron levar a cabo unha análise cuantitativa e cualitativa das conversas en redes sociais por parte dos concellos cos seus cidadáns”. Polo que respecta á outra especialidade, a de desenvolvemento de produtos multimedia interactivos, focalizou os seus esforzos na elaboración dunha aplicación web con planos e imaxes dos séculos XVIII, XIX e XX. A app será accesíbel, unha vez que remate o obradoiro, a través da web municipal.
A maiores de todo o devandito, os participantes no obradoiro organizaron un evento que o Concello cualificou de “pioneiro na cidade de Lugo”. Este evento, sinalou o Goberno local, servirá para expoñer todo o traballo de dixitalización dos obradoiros ata a actualidade, consistindo nun congreso previsto para o 11 de marzo. Será “o broche de ouro destes meses de traballo”, en palabras do Concello, que salientou a importancia de teren adquirido os rapaces “coñecementos de organización de eventos, protocolo, redes sociais, mercadotecnia de contidos, xestión de CMS, plans de comunicación e medios, coñecementos de SEO e mercadotecnia dixital, así como elaboración de contidos de publicidade e de promoción”.

PUBLICIDADE