Emigración e Puntogal darán un novo pulo ao dominio galego no exterior

luns, 31 de maio do 2021 S. P.

Este 29 de maio, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo unha xuntan cos responsábeis da asociación PuntoGal, co obxectivo de potenciar no exterior o uso do noso dominio a través dos centros galegos.
Segundo fixo saber o secretario xeral, “a aplicación do .gal reforzaría a imaxe de Galicia no exterior e facilitaría que as asociacións galegas participasen dun dominio que permite localizar os contidos e a información cultural sobre a comunidade galega dun xeito máis fácil e promover a publicación de novos contidos dixitais no noso idioma”.
Tamén lembrou que PuntoGal é a entidade que xestiona o dominio galego na Rede, que conta con arredor de seis mil páxinas xa baixo esa denominación, entre as que se atopan as institucións máis relevantes de Galicia (concellos, administración central, universidades e multitude de empresas e entidades). Polo tanto, a colaboración entre a Secretaría Xeral de Emigración e Puntogal contribúe (e contribuirá) “a relevancia da Galicia exterior no dominio, facilitando a identificación dos centros galegos tanto por usuarios da Rede como por buscadores”.

PUBLICIDADE