Emetel leva as súas solucións tecnolóxicas á Feira CeBIT

martes, 6 de marzo do 2012 Raquel Noya

A firma galega Emetel, dedicada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas á medida das necesidades de cada cliente, viaxou ata a cidade alemá de Hannover para participar activamente na feira profesional de tecnoloxía máis importante do mundo, a CeBIT, que dá comezo hoxe e finaliza o vindeiro 10 de marzo.
A edición deste ano de CeBIT, que nas súas siglas en alemán significa Centro para a Tecnoloxía da Información e da Oficina, componse de máis de 450.000 metros cadrados de exposición, e nela danse cita os máis importantes axentes TIC do eido internacional, o que permite que se teña de referencia para dar conta da situación real do sector.
Emetel participa neste evento convidada por Rittal, empresa líder mundial na fabricación e venda de estruturas TIC, en calidade de partner expert da multinacional alemá en España.
A organización do evento ten previsto recibir máis de 700.000 visitantes, polo que será unha oportunidade única para que a firma galega se dea a coñecer alén das nosas fronteiras dende o stand que Rittal pon á súa disposición en CeBIT.
Este stand componse dun Centro de Proceso de Datos a tamaño real con todas as solucións e módulos que o integran, de tal maneira que os seus visitantes poderán ver in situ como funciona, e atopar resposta ás súas dúbidas da man dos profesionais de ámbalas dúas firmas.
Asemade, os responsables de Emetel veñen de anunciar que acoden á cita acompañados de representantes dalgunhas das principais empresas e institucións galegas, para que estas coñezan de primeira man a tecnoloxía de vangarda.
A participación da firma galega en CeBIT é unha mostra do traballo que está a desempeñar en Galicia no despregue e desenvolvemento de CPD (Dentros de Proceso de Datos); neste senso, en palabras de Manuel Lago Vecino, director xeral de Emetel, “as solucións de Rittal foron implementadas con éxito en clientes como Megasa ou a CRTVG”, polo que acoden á cita tecnolóxica convencidos da súa eficacia e utilidade.
Por outra banda, Lago Vecino, orgulloso da súa participación en CeBIT asegura que “é unha cita marcada en vermello no calendario por tódalas empresas do sector, e son moi poucas as que teñen a opción de participar de xeito activo”, asegura.

PUBLICIDADE