Emetel compartirá achados en protección na xornada de ciberseguridade do CPEIG

luns, 28 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

A firma galega Emetel Sistemas, especializada en servizos avanzados de comunicación e seguridade, mostrará o vindeiro 31 de maio, na terceira edición da Xornada de Ciberseguridade en Galicia que organiza o CPEIG, os seus achados recentes en protección tecnolóxica, entre os que se contan, por exemplo, a marca BE:SEC para a salvagarda dos datos e dos servizos de comunicacións de todo tipo de entidades, organizacións e empresas. Emetel, que como lembraremos foi elixida por IBM en 2014 como empresa referencial no ámbito da ciberseguridade, participará na devandita xornada galega, na sección de empresas, xunto con Microsoft, Symantec ou Google.
Como sinalamos os días pasados, a terceira edición da Xornada de Ciberseguridade en Galicia conta co patrocinio da propia firma Emetel e a colaboración de ABANCA, Symantec, a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) e o Campus Innova (UDC).
A cita será en Santiago, en horario de mañá, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Con esta actividade, o CPEIG quere “conectar co reto da seguridade e a privacidade, unha das principais preocupacións de cidadáns, empresas e administracións públicas”.
A xornada será inaugurada ás 10.00 horas por Fernando Suárez, presidente do CPEIG, Roberto Baratta (director de Prevencion Perdida, Continuidade e Seguridade en ABANCA), Manuel Lago (director xeral de Emetel) e Mar Pereira Álvarez (directora da axencia AMTEGA). Logo haberá relatorios sobre administracións públicas e protección TIC a cargo de Alberto Hernández Moreno (director xeral de INCIBE), Jose Luis Piñar (DPO do Consejo General Abogacia Española) e Javier Candau (xefe de Ciberseguridade do Centro Criptográfico Nacional – CCN).
A continuación da pausa para café, será a quenda das empresas. Intervirán Rafael Ave, director de Transformación Dixital e Seguridade de Emetel, Julien Blánchez (Google Cloud at Google Inc), Fernando Rubio (Microsoft), Ramsés Gallego (Symantec) e Román Ramírez (co-fundador e co-organizador do evento RootedCON). O peche correrá a cargo de Fernando Suárez e Roberto Baratta.

PUBLICIDADE