Elogia opta a tres premios do certame E-Commerce

martes, 6 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

A compañía de publicidade en liña Elogia, con forte presenza galega nas súas fileiras (incluído un centro de operacións en Vigo de primeira liña), está arestora nomeada a tres dos galardóns nos Premio E-Commerce Awards, edición 2012, un certame do que Elogia ten obtido xa importantes froitos, de feito conseguiu ser recoñecida o pasado ano como mellor axencia de promoción dixital. Para este ano, a compañía concorre como mellor axencia de mercadotecnia dixital, mellor provedor de servizos de comercio en liña e mellor axencia de mercadotecnia online. Por certo que para ir sumando apoios, xa é posíbel votar por Elogia en calquera dos devanditos apartados.
En caso de obter algún destes premios, cómpre sinalar que non serían os únicos do ano que comeza. De feito, e tal e como sinalamos hai uns días, a empresa vén de recoller o premio á Mellor campaña interactiva europea outorgado no Festival Europeo de publicidade e humor, Smile Festival polo seu proxecto dixital para a empresa Pizza Móvil.
A campaña gañadora, que se deu a coñecer antes do Nadal, defendía a idea de pasar as festas en compañía dos amigos compartindo unha pizza da devandita marca, e foi desenvolvida integramente en Facebook, Twitter e YouTube.

PUBLICIDADE