Elogia distinguida como mellor axencia de marketing dixital nos E-commerce Awards 2011

xoves, 17 de marzo do 2011 Raquel Noya

O xurado dos premios anuais E-commerce, o meirande evento que se celebra en España en torno ao comercio electrónico que tivo lugar estes días en Madrid, distinguiu na edición deste ano a Elogia Media como a Mellor axencia de marketing dixital 2010-2011, pola orixinalidade e eficacia das súas campañas de comunicación para empresas na Rede.
Os E-commerce Awards 2011 contaron con máis de 180 expositores, uns 10.000 profesionais das TIC e máis de 150 relatores provintes de todo o mundo, que se achegaron ata a capital do Estado para da a súa visión persoal sobre o negocio das vendas online, campo no que destaca a galardoada Elogia Media.
O premio tiña unha primeira fase de votación aberta online, na que Elogia foi a quinta máis votada, con 99 apoios. Posteriormente, un xurado composto por especialistas do sector revalidou a escolla da comunidade internauta, anunciando como gañador a esta axencia de comunicación online.
O xurado estaba composto por especialistas do sector TIC, entre os que destacaron, Iñaki Arrola, CEO de Coches.com; Carlos Blanco, CEO do Grupo Etnet; David Tomás, CEO de Cyberclick e Marta Esteve, CEO de Rentalia.
Para Rubén Ferreiro, que paradoxicamente é CEO de Elogia España, “é toda unha honra ter acadado este recoñecemento dos compañeiros do sector” xa que, engadiu, “recoñece non só o noso bo traballo no desenvolvemento de tendas online senón unha traxectoria de anos elaborando estratexias de marketing dixital”.
Por certo, que Elogia presentou a pasada semana os seus resultados económicos de 2010 e os resultados non puideron ser máis satisfactorios xa que logrou unha facturación de máis de 20 millóns de euros a nivel internacional, logrando un crecemento do 43 por cento.
Entre os seus plans de 2011 están, segundo afirmaron, “continuar a súa expansión en Latinoamérica, abrindo oficina en Colombia e en Miami”.

PUBLICIDADE