Elogia celebra hoxe os seus 15 anos de impulso á mercadotecnia dixital

xoves, 2 de outubro do 2014 Redacción

Rubén Ferreiro, da axencia Elogia

Hoxe é un día de celebración para Elogia, empresa con ampla participación galega, non só por ter unha das súas sedes principais en Vigo, senón tamén por contar entre os seus responsábeis directos cos galegos Rubén Bastón e Rubén Ferreiro. E falamos de día de celebración porque hoxe ás 20.00 horas, a empresa de publicidade en liña conmemora o seu quince aniversario “cunha festa do sector da mercadotecnica en liña en Barcelona”. Este mércores, para facernos unha idea do alcance da cita, xa había arredor de 250 profesionais confirmados, e a cifra ía subindo. Amais da celebración propiamente dita dos tres lustros de actividade empresarial, presentarase a nova marca do grupo Elogia.
O evento desenvolverase na sala Sala InGracia de Barcelona. Á convocatoria, que se agarda sexa “unha gran velada de networking dentro do sector da mercadotecnia dixital”, en palabras de Rubén Ferreiro, acudirán clientes actuais e antigos da axencia, empregados actuais e antigos, colaboradores, provedores, profesionais relevantes do sector e mesmo competidores. Abrirase cun percorrido histórico pola evolución da compañía (dende o seu nacemento como a primeira plataforma estatal de permission email marketing en 1999, baixo o nome de Consupermiso, pasando polo seu espallamento e afianzamento en España, Portugal ou México ou a fusión con empresas do sector tan salientábeis como GaliciaBanner, da que falamos en Código Cero alá polo 2007).
Segundo engade Rubén Ferreiro avanzando a axenda dos actos de celebración, ao longo desta presentarase un vídeo gravado con persoas que foron importantes na historia de Elogia. A proxección de vídeo, engade, será sen dúbida “un intre moi emotivo”, amais dun “agradecemento a todos aqueles que impulsaron e impulsan a empresa cara a un futuro ben asentado e de alicerces fortes”. Ferreiro tamén sinala que outros dos intres relevantes da velada será sen dúbida a presentación en sociedade da nova marca paraugas do holding empresarial, “que até agora sempre traballou baixo a marca Eloxia Group”. Así, desde hoxe desvelarase a nova marca do grupo que dará acubillo ás distintas iniciativas empresariais da corporación.

PUBLICIDADE