Elogia amplía a súa presenza no mercado brasileiro

xoves, 25 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

O galego Rubén López, á fronte da división española de Elogia

Elogia, grupo internacional de comunicación interactiva con importante presenza de profesionais galegos (no seu seo está integrada GaliciaBanner, sendo o compostelán Rubén López o director da división española), está estes días a facer reconto dos seus logros recentes en materia de afianzamento en novos mercados, máis polo miúdo nos americanos. Así, á relativamente nova oficina que a empresa habilitou en Rio de Janeiro, cómpre engadir agora a sede de operacións xa operativa de São Paulo, máis polo miúdo no bairro de Vila Mariana. Esta aposta polo afianzamento no mercado tecnolóxico-dixital brasileiro (un mercado propio xa de potencia TIC) responde a un obxectivo ben claro: contribuír ao impulso de Elogia Brasil. O director desta nova base estratéxica será Tomás Penido, desempeñando Rafael Oliveira o cargo de responsable de Medios.
A maiores deste espallamento, a firma Elogia tamén informa dunha importante ampliación do equipo de traballo en Barcelona, concretamente nas divisións Elogia Ipsofacto e Elogia Data, onde se incorporan María José Maturana (ex profesional de Starcom/Mediavest), Marcelo Bisbal (economista con ampla experiencia tecnolóxica no Instituto Request), Toni Perera (ex responsable de desenvolvemento de software en HP e agora á fronte da unidade de negocio de Elogia Data), Jordi Domenech (enxeñeiro na UOC e desta volta membro da área de comercio electrónico da división Data) e Álvaro Malmierca (publicista de Ruiz Nicoli e Doubleyou e agora integrante do equipo de contas).

PUBLICIDADE