Elmuelle e Innovación favorecen o acceso ó dixital das pemes do Barbanza

xoves, 28 de febreiro do 2008 Fernando Sarasketa

A empresa galega Elmuelle quere subir un chanzo máis subministrando novas tecnoloxías alí onde aínda non se usan e/ou nin sequera existen. Neste senso, o seu eido de acción será principalmente a comarca de Barbanza, unha bisbarra que, como outras moitas de Galiza, non destaca especialmente no emprego das novas ferramentas no empresarial (sobre todo pola falta de infraestruturas e/ou de actividades de sensibilización). O caso é que Elmuelle vén de pór en marcha unha liña estratéxica chamada Renovación do comercio coa incorporación das TIC e que consiste basicamente en diminuír un dos principais atrancos que atopan as pequenas e medianas empresas á hora de acceder ó dixital: o custo do proceso.
Deste xeito, Elmuelle informa que se está a tirar partido da liña de subvencións posta en marcha pola Consellería de Innovación para ofrecer a metade de prezo computadores persoais, servidores, impresoras e equipamento de multifuncións, aplicacións informáticas, deseño de páxinas web, caixas rexistradoras, terminais de puntos de venda ou lectores de código de barras.
A idea, engade a empresa con sede na Pobra do Caramiñal, é achegar unha boa oportunidade para que o comercio da comarca mellore os seus servizos e as súas posibilidades de competir e medrar. O prazo para a solicitude destes equipos e servizos remata o 31 de marzo, estando a iniciativa especialmente orientada a empresas que non superen os dez traballadores ou ás superficies locais que non vaian alén dos 300 metros cadrados.

PUBLICIDADE