Eliminan contas falsas e os seus gústame en Facebook

xoves, 27 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Evolución dos gústame de Texas HoldEm Poker durante os últimos días

Algunhas páxinas de Facebook están a perder milleiros de seareiros nas últimas horas segundo rexistran dende servizos como PageData, no que podemos ver como a páxina do xogo de Zynga Texas HoldEm Poker descendeu o seu número de gústame en 96.317, o que ten unha explicación que agradará a moitos: dende Facebook están a purgar contas de usuario falsas e os seus gústame, o que contribuirá a mellorar a seguridade da plataforma, de xeito que se alguén percibe unha importante caída de seareiros no último día pode estar tranquilo, que non se trata dun abandono real de seguidores, senón dunha limpeza por parte de Facebook.
Dende Facebook estiman que, de media, o número de gústame de cada páxina caerá menos do 1%, aínda que si afectará dun xeito máis radical a quen mercase seguidores para atraer a outros usuarios (táctica pouco recomendable e que, tras medidas como esta, pode resultar moi pouco efectiva).
Ao eliminar as contas falsas de Facebook tamén se reducen as posibilidades de padecer timos ou suplantacións de identidade. Grazas a esta e outras medidas, dende Facebook conseguiron reducir o spam un 95% nos últimos 2 anos.

PUBLICIDADE