El Corte Ingles sube ao carro de Samsung Pay

xoves, 19 de maio do 2016 Marcus Fernández

A inminencia do lanzamento de Samsung Pay en España leva a que entidades como Abanca anuncien que estarán nos postos de saída desta tecnoloxía de pagamentos co móbil, e agora temos que El Corte Inglés tamén confía nesta solución, e anuncia que será o primeiro emisor de tarxetas privadas en España en integrar Samsung Pay.
Deste xeito, os preto de 11 millóns de titulares de tarxetas de El Corte Inglés poderán dar de alta as súas tarxetas na aplicación de Samsung Pay, o que facilita que poidan realizar pagamentos cos móbiles compatibles (actualmente os Samsung Galaxy S7, S7 edge, S6, S6 edge, S6 edge+ e a última revisión do Galaxy A5).
Polo momento non se coñece a data de lanzamento de Samsung Pay en España, que parece estar a padecer un considerable adiamento, deixando que outras solucións de pagamento co móbil estean a procurar gañarlle terreo, aínda que cómpre destacar que a solución de Samsung é máis segura que as que simplemente están baseadas nunha aplicación, xa que está integrada nos dispositivos a nivel de hardware (obrigando ao uso de pegadas dixitais para autorizar os pagamentos).
A integración de tarxetas bancarias e outras como as de El Corte Inglés facilitará que os usuarios de tarxetas de pagamento non teñan que cargar con numerosas tarxetas para realizar pagamentos con comodidade e axilidade, no que consideran que será o futuro dos pagamentos electrónicos.

PUBLICIDADE