Egatel leva a súa tecnoloxía de TV dixital á Universidade Autónoma de México

luns, 10 de decembro do 2012 Redacción

A firma galega Egatel, con sede na Tecnópole de Ourense, segue adiante coa súa achega de tecnoloxía de telecomunicacións no eido internacional, un proceso de internacionalización do que xa temos falado en Código Cero (con motivo da súa presenza en Finlandia ou en Holanda). Agora é de novo a quenda de México, país co que Egatel leva case unha década traballando, fornecéndoo de subministros tecnolóxicos a través do distribuidor Grupo Diez. Segundo se informa, a Universidade Autónoma de México vai contar co transmisor de TV Dixital de Egatel, en palabras da Tecnópole, o aparello de meirande potencia que opera no país centroamericano.
A implantación levarase a cabo ao longo das vindeiras semanas, continuando o proxecto que se iniciou coa entrega dun transmisor Dualcast (Analóxico/Dixital) de 5KW. O transmisor, da serie TLE6800, está caracterizado pola súa alta eficiencia enerxética e fiabilidade, “ao estar dotado da última tecnoloxía de transistores LDMOS e redundancia nos elementos críticos”, explican fontes do Parque Tecnolóxico de Galicia. Asemade, o equipamento incorpora un sistema de refrixeración por líquido que disipa a calor de xeito eficaz e silandeiro, deseñado para garantir o funcionamento de forma ininterrompida e optimizar o consumo enerxético.
O equipo de Egatel traballará de acordo co sistema ATSC, a norma de TV Dixital adoptada en México, e incluirá os últimos avances nesta tecnoloxía: capacidade de transmitir o sinal de TV a dispositivos móbiles (norma ATSC A/153-MH) e a operación en redes de frecuencia única (norma ATSC SFN A/110B:2011).

PUBLICIDADE