Egatel inaugura Os mércores de Tecnópole falando sobre a necesidade de expandir mercados

mércores, 16 de outubro do 2013 Redacción

Na mañá deste mércores 16 a empresa Egatel -situada no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense)- celebraba unha xornada inserida no ciclo Os mércores de Tecnópole, na que participaron unha trintena de representantes de empresas galegas e o director xeral de Egatel -Javier Taibo-, quen expuxo as necesidades de soporte externo que teñen tanto para a fabricación dos seus produtos como para desenvolver as liñas de diversificación que están abranguendo de cara a abrir novas liñas de negocio a través da innovación. Taibo sinalou que Egatel é o principal provedor de sistemas de televisión dixital en España, cun 55% do mercado nacional, e que o principal reto de futuro da empresa é a internacionalización.
Amais da fábrica radicada en Ourense, contan con oficinas comerciais e delegacións en: Madrid, Finlandia, Arxentina, Chile e México. Desde elas abriron xa negocio en 25 países e están tratando de entrar no mercado asiático. Ao traballar nun nicho de mercado tan específico estamos moi condicionados polas flutuacións do mercado, polo que buscamos diversificarnos para abrir novas liñas de negocio a través da innovación, explicou o director xeral de Egatel. Neste senso, aclarou que a súa demanda de provedores en Galicia alcanza tamén este eido, no que recentemente conseguiron financiamento para executar, xunto con outras 17 empresas e 6 centros tecnolóxicos e de investigación, catro proxectos de innovación por 9 millóns de euros nos ámbitos sanitario, vitivinícola e da aeronáutica aplicada á extinción de incendios.
Asemade, o responsable de compras de Egatel -Ramón Conde- incidiu na importancia da proximidade dos seus provedores para ter maiores garantías no control de calidade. A intención é atopar provedores máis achegados para poder obter en Galicia as solucións que hoxe teñen que contratar en Estados Unidos, Taiwán ou Reino Unido.
Informar que a xornada de hoxe foi a primeira do dito ciclo Os mércores de Tecnópole, organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia de cara a pór en valor a innovación das súas empresas. Un mércores de cada mes unha empresa exporá as súas capacidades e diferenzas competitivas no seu ámbito de actividade co obxectivo de mellorar a súa visibilidade e o seu posicionamento no mercado. Para máis información sobre estas xornadas, cómpre visitar a web habilitada

PUBLICIDADE