Egatel e Gaélica Solar amosan as súas solucións perante o embaixador de Gambia

mércores, 4 de febreiro do 2015 Redacción

A visita do embaixador de Gambia á Tecnópole de Ourense nunha imaxe do Faro de Vigo

Este martes o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) recibiu a visita do embaixador de Gambia en España, Lang Yabou, co obxectivo de coñecer de primeira man os servizos e as solucións que ofrecen as empresas acubilladas no Parque e que sexan de interese potencial para o seu país, “un país que require achegas innovadoras para paliar as súas necesidades máis urxentes”, sinalaron fontes da Tecnópole. Deste xeito, Lang Yabou tivo a oportunidade de entrar en contacto cos responsábeis da empresa Gaélica Solar e Egatel (que lle presentou os seus equipamentos de telecomunicacións, xa presentes en Arxelia, Tanzania, Marrocos e Túnez).
O xerente de Gaélica Solar, Manuel Eirín, obsequiou ao embaixador cun kit de bombeo solar, que permite o bombeo directo de auga utilizando enerxía solar captada a través dun panel fotovoltaico, e cun sistema autónomo de iluminación, tamén a través de enerxía solar, para que os envíe ao seu país e poidan comprobar a súa efectividade. Tamén lle amosou os alimentadores solares automáticos para gando. “Estas”, sinala a Tecnópole, “serían as solucións tecnolóxicas orientadas a mellorar a actividade agrogandeira do país, da que depende o 75% da poboación”.
Como dixemos, Lang Yabou tivo tamén ocasión de coñecer a Javier Taibo e José Manuel M. Mariño, director xeral e director de vendas de Egatel, respectivamente. Os representantes da empresa, en palabras da Tecnópole “a principal provedora de transmisores de televisión dixital en España”, presentáronlle os seus produtos, dirixidos ao mercado profesional de operadores e canles de TV. Egatel, que iniciou en 2001 a venda de produtos no mercado internacional, conta con clientes en 25 países. Entre eles, xa está a subministrar equipos para a extensión da cobertura de TDT a varios países africanos: Alxeria, Tanzania, Marrocos e Tunisia.

PUBLICIDADE