EficienTIC 2012 afronta esta semana a súa recta final de actividades

luns, 13 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

As xornadas EficienTIC, desenvolvidas para promover entre a nosa mocidade a sustentabilidade e a eficacia enerxética ao abeiro das novas tecnoloxías da información, chegan esta semana que comeza ás derradeiras xeiras de actividades desta edición 2012. As xeiras, unha vez máis, desenvolveranse a través dunha visita de varios centros escolares galegos ás instalacións de Gradiant e do EnergyLab, responsábeis xunto con CITEXVI do programa EficieTIC. En total, ao abeiro desta recta final da convocatoria 2012, recibirase a arredor de cen rapazas e rapaces cada xornada (martes e xoves), procedentes de diferentes centros da xeografía galega.
Cómpre lembrar que EficienTIC constitúe un programa de xornadas de divulgación científico-tecnolóxica que se organizan en colaboración Gradiant- EnergyLab-CITEXVI nas súas instalacións no Campus de Vigo. Neste caso, as xornadas van dirixidas a mozos de entre 1º de ESO a 2º de Bacharelato e tratan de amosar as vantaxes das TIC para o coidado do medio ambiente, como usalas de maneira eficaz e dar a coñecer diferentes fontes de enerxía limpas e renovables. Para máis información das accións desenvolvidas e das que se van desenvolver en vindeiras edicións, cómpre botarlle un ollo ao blog específico do programa, onde tamén podemos atopar un completo feixe de imaxes sobre as visitas das rapazas e rapaces.
As xornadas son gratuítas para os centros e están cofinanciadas pola FECYT.

PUBLICIDADE