EdugalIA converte a Galicia na primeira comunidade en incorporar a intelixencia artificial na xestión educativa

venres, 22 de setembro do 2023 Redacción

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou hoxe que o novo proxecto EdugalIA converte a Galicia na primeira comunidade en incorporar a intelixencia artificial na xestión educativa na clausura da xornada divulgativa desta iniciativa pioneira, dirixida a empresas tecnolóxicas, e coa que se busca convidar ao sector a contribuír a poñelo en marcha.
Rodríguez sinalou a oportunidade que a intelixencia artificial supón para a mellora dos servizos públicos “e que a través deste proxecto aplicaremos á Administración educativa dixital para reforzar o éxito escolar”. “O noso obxectivo é empregar a IA como un novo impulso ao noso sistema educativo, que permita non só recoller información, senón poñela en valor, de tal forma que poida traducir ese contido en accións útiles para o ensino e a aprendizaxe en toda a educación galega”.

Tres eixes de actuación

Neste sentido, explicou que o proxecto EdugalIA se centrará en tres ámbitos prioritarios: a gobernanza, a creación do expediente dixital do alumnado e a creación dun espazo común entre familias, centros e Administración. No primeiro deles, crearase un novo modelo de Administración educativa dixital que sistematice a información procedente de múltiples fontes e formatos e permita analizar máis axilmente cuestións como o abandono temperá e crear itinerarios especializados.
O segundo ámbito ten como finalidade poñer a disposición do alumnado e das súas familias para consulta un expediente dixital que acompañe ao alumno ao longo do seu tránsito polo sistema educativo. Este documento incluirá datos de identificación, de escolarización, académicos ou sobre atención a necesidades específicas de apoio, entre outros.
Finalmente, a través de EdugalIA habilitarase un punto único de contacto e acceso para alumnado e familias á información do seu interese sobre o sistema educativo. O obxectivo é que este sistema permita a participación e a comunicación útil entre todas as partes para a asistencia, a orientación e a toma de decisións.

Compra pública de Innovación

A xornada de hoxe enmárcase na consulta previa ao mercado mediante o proceso de Compra Pública de Innovación lanzada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades co fin de que as empresas tecnolóxicas amosen os recursos dos que dispoñen para facer realidade este proxecto. Trátase do sistema de contratación pública que permite ás administracións a compra deste tipo de ferramentas que aínda non están comercializadas co fin concreto para o que se pretenden empregar.
Prevese que EdugalIA teña unha fase inicial de desenvolvemento e proba no período 2024-2027, seguida dun proceso de avaliación de resultados e posible despregamento progresivo de solucións a partir do ano 2028.

Un paso máis na transformación dixital

“Con EdugalIA damos un paso máis na transformación dixital definitiva que estamos levando a cabo no noso sistema educativo, non só coa dotación de equipamentos axeitados nas aulas, senón tamén coas metodoloxías, respondendo ás propias demandas do tecido empresarial e dos requirimentos profesionais do presente e do futuro”, salientou o conselleiro. Estes esforzos enmárcase na chamada Estratexia Educación Dixital 2030, cun investimento de 130 millóns de euros, arredor da que o Goberno galego traballa na maior dixitalización e emprego de novas tecnoloxías no campo educativo. “O ensino non pode vivir de costa á realidade social, senón prepararse para ser parte de ela, como o facemos a través desta estratexia, considerando o desenvolvemento non como un fin en si mesmo, senón como un medio para apoiar o proceso de aprendizaxe”, puntualizou.
Neste sentido Román Rodríguez puxo en valor os fitos acadados na última década, de tal forma que Galicia é hoxe a comunidade autónoma cos centros mellor equipados dixitalmente de España líderes en alumnos por ordenador. “Ademais, por terceiro curso consecutivo, contamos cunha Rede Galega de Educación Dixital con 80 docentes como mentores para axudar coas novas tecnoloxías e contamos co novo Centro de Innovación Educativa e Dixital para enfrontar os retos de futuro no eido da investigación e cualificación profesional”, explicou. Así mesmo, destacou o investimento de 84 millóns de euros nas Aulas Móbiles de Informática, os Polos Creativos e a dotación de paneis interactivos nos centros escolares de Galicia.

PUBLICIDADE