Educación visita o IES de Castro de Rei para avaliar o desenvolvemento de ABALAR

luns, 20 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

A Consellería de Educación segue adiante co seu percorrido polos centros galegos de ensino co obxecto de comprobar os avances de ABALAR, o programa para a dixitalización das nosas aulas. As máis recentes visitas realizáronse precisamente este luns 20 de decembro, no IES José Trapero Pardo e do CEIP Veleiro-Docampo, ámbolos dous do concello lucense de Castro de Rei. No seu percorrido polas instalacións dos colexios, o conselleiro Xesús Vázquez lembrou as actuacións recentes despregadas no devandito concello da Terra Chá, que foi obxecto de 86.000 euros de investimento para, entre outras cousas, mellorar o día a día da comunidade escolar.
A axenda do día comezou no IES, no que estudan 332 rapazas e rapaces, das/os que 41 (os que pertencen a primeiro do ESO) xa se están a ver beneficiadas/os das achegas tecnolóxicas e formativas de ABALAR, incluído o subministro dos ultraportátiles de Coremain. Por certo que a Xunta investiu 26.000 euros no proceso de adaptación do centro a este programa. Neste intre na provincia de Lugo, sinalou o conselleiro, o Goberno galego xa ten enviado o equipamento ao 100% dos centros públicos. Deste xeito, engadiu, 40 xa teñen completada a instalación, poñéndose en funcionamento os vindeiros días.

PUBLICIDADE