Educación senta os alicerces dunha ferramenta multimedia para a aprendizaxe do chinés

luns, 21 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Nunha conversa recente á saída dunha xuntanza empresarial e de recursos para o mercado traballo, un estudante universitario especialmente espelido lanzou a seguinte proposta: poucos esforzos formativos hai hoxe en día tan rendibles como estudar durante dous anos a lingua chinesa. Ó seu xuízo, tendo en conta o peso que está a gañar nestes tempos o xigante asiático no económico, no cultural e tamén no demográfico (representan a quinta parte da poboación do mundo), contar co coñecemento amplo de tradución e interpretación significa abrir centos de portas dunha tacada no que se refire a posibilidades de emprego.
Salvando distancias de contido e de forma, a Consellería de Educación vén de presentar un recurso que vai polo camiño de encontro con China. Trátase do proxecto de creación dun servizo multimedia e interactivo para a aprendizaxe da lingua e que ficará accesible nun portal para a comunidade internauta.
A iniciativa, chamada Chinesecom, estará polo tanto ó alcance de traballadores/as vinculados dalgún xeito ós dous mundos (o galego e o chinés) e a estudantes en xeral. A idea é servirlles ó primeiros de complemento de primeira orde para as súas presentes ou futuras comunicacións con empresarios do país asiático (por outra banda, cada vez máis frecuentes e rendibles) e de reforzo formativo no caso dos segundos. Detrás do plan, atópase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e a Unión Europea, contribuíndo cun investimento de 443.949 euros.
Apoio dende diferentes frontes e países
O proxecto Chinesecom, que foi presentado este luns polo director xeral Antonio Vázquez (na imaxe) no Club Internacional de Prensa de Santiago de Compostela, conta coa colaboración de socios de países e frontes diferentes. Así, segundo informa a Xunta de Galicia, colaboran nel a empresa ATIN de Ponteareas, e as Universidades de Málaga, Wolverhampton (Reino Unido), Anveres-Linguapolis (Bélxica) e Youdian (China). Asemade, participan o Grupo Compostela de Universidades, a Fundación Italia-China e EUROROC (Federación Europea da Pedra Natural, de Wiesbaden, Alemaña).
A xuntanza organizada este luns en Santiago serviu para coordinar o desenvolvemento da iniciativa, que ten un período de execución de 24 meses.

PUBLICIDADE