Educación presenta o seu plan de docencia virtual ante un posíbel empeoramento da crise sanitaria

luns, 2 de novembro do 2020 S. P.

O Goberno galego presentou este luns un plan para garantir a continuidade da docencia en tempos de pandemia e para o caso máis que posíbel de que recrúe a crise sanitaria. Trátase do Plan de ensino virtual ante a COVID, “unha folla de ruta para blindar a calidade da educación en Galicia”, segundo fixo saber na súa presentación o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, quen explicou que inclúe un conxunto de actuacións “elaboradas en base a criterios pedagóxicos, didácticos e metodolóxicos” que “permitirán continuar coa formación do alumnado nos casos nos que sexa preciso pasar ao escenario de educación non presencial por hipotéticos confinamentos”. O obxectivo é que esta circunstancia “incida o mínimo posíbel no normal desenvolvemento da actividade lectiva”, afirmou.
A base do plan é un sistema regrado e estábel de docencia virtual que ofreza ao alumnado, dixo, “unhas rutinas similares ás do ensino presencial, coa realización de tarefas e a avaliación do progreso do estudante, ao tempo que se mantén a interacción entre alumno e profesor”.
Rodríguez fixo saber que estas pautas aplicaranse de terceiro de Primaria en diante, podendo os niveis anteriores usar opcionalmente as aulas virtuais.
A folla de ruta artéllase en cinco liñas: o funcionamento en horario espello (similar ao do ensino presencial empregando ferramentas de comunicación e aulas virtuais), as instrucións no caso de peche ou confinamento, a distribución de medios informáticos en función das necesidades para o seguimento da actividade lectiva, a avaliación e control do alumnado e a realización de accións formativas para o ensino a distancia.
O plan establece que para desenvolver “o horario espello cada centro elaborará un horario para a docencia a distancia similar ao do ensino presencial”. Deste xeito, explicou o conselleiro, “no caso de ter que pasar ao escenario de ensino virtual, poderíase seguir un esquema de seguimento das materias moi semellante ao das clases presenciais”. Esta programación respectará a carga lectiva de cada materia e distribuirase de tal forma que un mínimo do 60% se centre na docencia virtual e o 40% se destine á realización de tarefas e actividades por parte do alumnado.
O plan establece o protocolo a seguir no caso de que se decrete o peche ou confinamento do alumnado, segundo o cal o mesmo día do peche a dirección deberá enviar unha comunicación a través de aplicación abalarMóbil e publicar unha nova na web do centro. Así mesmo, habilitarase de inmediato na aula virtual do centro os recursos e actividades iniciais e trasladarase orientación ás familias. A partir dese momento, o alumnado e profesorado conectarase á aula virtual e á plataforma de vídeo-conferencias para seguir as clases segundo o estipulado no horario espello.
Román Rodríguez explicou tamén que a modalidade de ensino virtual “garantirá tamén o control de asistencia dos alumnos, a través da supervisión de asistencia por parte do profesorado polas canles habituais”.
Respecto da formación para a comunidade docente, contémplase a realización de accións de información e formación por parte da dirección do centro. A maiores, pódese consultar co asesor Abalar de cada centro ou do Centro de Formación e Recursos.


PUBLICIDADE