Educación pon en marcha 3 novos cursos en liña para as probas do Celga 1

martes, 27 de marzo do 2012 Raquel Noya

Alumna aproveitando as vantaxes do ensino a distancia

O vindeiro 10 de xuño terán lugar no noso país as probas de acreditación do Celga 1, é dicir, as probas que certifican que as persoas examinadas dominan o galego no seu nivel máis básico, para o que deberán demostrar coñecementos mínimos de ortografía, fonética, gramática e mesmo funcións comunicativas da nosa lingua.
Xa que logo, e a fin de facilitarlle a aprendizaxe do idioma galego ás persoas interesadas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de por en marcha unha serie de cursos preparatorios para as devanditas probas, que para maior comodidade, celebraranse en liña a través de Internet.
Deste xeito, 150 persoas comezaron onte a súa formación a distancia en lingua galega, a través de 3 cursos que se desenvolverán ao longo das 10 vindeiras semanas. Durante este tempo, as persoas participantes prepararanse mediante o traballo en 10 unidades didácticas, que as formarán en catro competencias lingüísticas: expresión e comprensión oral, e expresión e comprensión escrita.
Cada unidade didáctica inclúe unhas 50 actividades distribuídas en 3 áreas temáticas comunicativas (Funcións comunicativas, Léxico/Ortografía e Fonética e gramática) nas que, a través dunha metodoloxía multimedia e interactiva, os e as estudantes realizarán o seu propio proceso de aprendizaxe e ao seu ritmo, iso sí, apoiados sempre por unha titora que estará do outro lado do ordenador.
Segundo informan dende o gabinete responsable, o sistema de aprendizaxe en liña insírese nunha “aposta decidida” da consellería que dirixe Xesús Vázquez por facilitarlle o acceso á formación de lingua galega ás persoas adultas que desexan adquirir ou mellorar a súa competencia lingüística, “aproveitando as vantaxes que ofrecen as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) no ámbito da formación”, engaden.

PUBLICIDADE