Educación e o CPEIG volven xuntar forzas nunha edición de Navega con rumbo

luns, 2 de outubro do 2023 S. P.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez, asinaron este luns 2 de setembro o convenio de colaboración para desenvolver durante o presente curso escolar a nova edición do programa Navega con rumbo, que chegará a 240 centros educativos de toda a xeografía galega.
Esta colaboración, que xa vai pola súa duodécima edición, enmárcase na aposta da Xunta de Galicia por “avanzar na transformación dixital da educación tendo en conta como unha das prioridades o uso seguro e responsábel das novas tecnoloxías”, obxectivo tamén compartido polo colexio.
A iniciativa diríxese ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO e 1º de FP Básica, para guiar aos estudantes cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da Rede. Por outra banda, faise partícipe a profesorado e familias das recomendacións que eles poden aprender de xeito que tamén sexan transmisores para o alumnado.
Ao abeiro do mesmo, especialistas do Colexio de Enxeñaría Informática levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración en colexios e institutos.
Ademais, o programa dispón dunha páxina web asociada ao proxecto e unhas guías de boas prácticas en Internet dirixida ao alumnado, proxenitores ou titores, e ao profesorado accesíbeis tanto en soporte dixital como en formato impreso nos propios centros escolares.
Desde que se puxo en marcha, a través do Navega con rumbo leváronse a cabo máis de 2.000 accións formativas.

PUBLICIDADE