Educación denuncia un falso anuncio na Rede de cancelación das clases

venres, 26 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

A Consellería de Educación vén de advertir da posta en marcha, a día de onte 25 de febreiro, dunha páxina web encamiñada e lanzar información falsa sobre a continuidade das actividades escolares durante a xornada de hoxe. O devandito departamento da Xunta, que xa denunciou ao sitio en liña http://edu-xunta.blogspot.com na Comisaría de Policía de Santiago, quixo aclarar en todo intre que non teñen relación algunha con este caderno en liña, “que nin pertence á Administración autonómica nin achega información veraz”, posto que en ningún intre se tomou a decisión de non impartir docencia nos centros educativos galegos na xornada de hoxe, tal e como se informa no sitio denunciado.
Ao parecer, a raíz do problema estivo precisamente niso: en emitir datos que non eran reais e que puideron causar importantes molestias entre os membros da comunidade escolar.
Neste sentido, a Xunta de Galicia instou, unha vez máis, “ao uso responsable das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, instrumentos que, de ser usados axeitadamente, contribúen positivamente ao desenvolvemento da Sociedade da Información e o Coñecemento”.

PUBLICIDADE