Educación apoia a 15 proxectos de innovación educativa baseados nas TIC

luns, 23 de novembro do 2009 Redacción

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de resolver a convocatoria de axudas a proxectos de investigación, dinamización e innovación educativa das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, coas que impulsará o desenvolvemento de Proxectos 2.0 en centros educativos de Galicia durante o curso 2009/2010.
Quince iniciativas de distintos institutos e colexios galegos recibirán axudas por un valor total de máis de 56.000 euros. Ademais do apoio económico, dotarase aos centro de asesoramento para o profesorado, a través dos Centros de Formación e Recursos, de tal forma que poidan tirar o maior aproveitamento dos recursos informáticos e da súa incorporación á docencia.
Os docentes implicados no proxecto poderán acceder ao espazo web da REDE TIC, difundir as súas experiencias e publicar os materiais educativos producidos no portal de contidos educativos, así como na revista dixital electrónica BOLETIC. As iniciativas premiadas poderán, así mesmo, participar en programas piloto de innovación grazas ao convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e outras entidades.
Nesta liña, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desenvolve accións nos centros que potencian os proxectos de innovación educativa baseados no uso das TIC, optimizando o uso destas ferramentas nos contidos académicos. O obxectivo final é conseguir un cambio metodolóxico no ensino, en consonancia coa Sociedade da Información.

PUBLICIDADE