Eduard Punset convoca centos de persoas na súa primeira visita a Lugo

venres, 27 de setembro do 2013 Redacción

O pasado xoves 26 de setembro tiña lugar no Pazo de San Marcos de Lugo unha conferencia gratuíta e aberta ao público en xeral protagonizada por Eduard Punset. Ao evento, inaugurado polo presidente da Deputación José Ramón Gómez Besteiro, acudían centos de persoas para seguir de preto a opinión do científico catalán quen deu a súa visión sobre os retos do século XXI. En menos dunha hora víanse esgotadas as prazas para asistir a esta charla -inserida no Innova-TE, o programa tecnolóxico da Deputación- financiada nun 80% por fondos europeos.
Cómpre subliñar que as verbas de Punset tamén se puideron sentir fóra do Pazo Provincial, pois co gallo de que todo aquel que o desexara puidera presenciar este encontro, a Deputación retransmitiuno en streaming dende a súa web grazas á colaboración dos profesionais da Fundación TIC. Dicir que a web da institución rexistrou picos de até 600 persoas conectadas ao mesmo tempo para seguir ao presentador de Redes. Rematada a charla, Punset asinou o seu último libro: O soño de Alicia, nun acto no Salón de Plenos aberto ao público, ao que acudiron aínda máis cidadáns.
Engadir que ao abeiro do Innova-TE, a institución luguesa celebrará antes de rematar o ano outras dúas xornadas gratuítas e abertas. Unha con Emilio Duró -un dos maiores expertos en liderado e xestión da intelixencia emocional- que falará da importancia de ser optimistas en tempos de cambio; e outra con Fernando Trias de Bes, escritor e economista especializado en marketing, creatividade e innovación.

PUBLICIDADE