Eduard Punset abre este xoves en Lugo os relatorios tecnolóxicos do programa InnovaTE 2 da Deputación

luns, 23 de setembro do 2013 Redacción

Punset, nunha imaxe publicada con Creative Commons

A Deputación de Lugo organiza este xoves unha xornada aberta ao público en xeral co coñecido e reputado investigador e divulgador Eduard Punset, que falará entre outras cousas dos retos aos que nos enfrontamos, económicos, empresariais e sociais, de cara ao século XXI. A charla, que se insire na estratexia do organismo provincial por abrir esta institución á cidadanía e amosar “papel fundamental que xogan as novas tecnoloxías”, dará comezo arredor das 19:00 horas, sendo como dixemos aberta ao público en xeral previa inscrición na web da Deputación. A charla, para quen non consiga praza para asistir en persoa, será retransmitida en streaming a través da devandita páxina institucional grazas á Fundación TIC que se encargará de toda a instalación técnica precisa.
A iniciativa enmárcase dentro do programa InnovaTE-2 empresa que está a executar a institución provincial e finánciase con fondos europeos nun 80%. Este programa, informa a Deputación, comprende varias accións para animar ás empresas lucenses a empregar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para mellorar os seus negocios. Por outra banda, Innova-TE2 diríxese tamén a implicar a toda a cidadanía no coñecemento das posibilidades dos novos recursos comunicativos, polo que o programa comprende tamén tres relatorios con persoeiros de recoñecido prestixio no ámbito da innovación. Un deles é Eduard Punset, que explicará na súa intervención como as empresas deben afrontar unha nova situación, inzada de recursos tecnolóxicos que permiten ramificacións globais e que abren novas posibilidades de negocio.
Dentro do mesmo programa e antes que remate o ano celebraranse outras dúas charlas con expertos: unha con Emilio Duró (un dos maiores expertos en xestión da intelixencia emocional, que falará da importancia de ser optimistas en tempos e cambio) e outra de Fernando Trias de Bes (escritor e economista especializado en mercadotecnia, creatividade e innovación)

PUBLICIDADE