Edisa presenta un vídeo sobre as posibilidades de dixitalización de facturas de Libra

venres, 23 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa galega Edisa vén de anunciar a dispoñibilidade dun vídeo divulgativo e de carácter práctico sobre as vantaxes e o funcionamento da dixitalización de facturas recibidas que subministra o software de xestión Libra. A achega audiovisual formativa diríxese a facilitarlle o traballo aos usuarios do devandito programa, implantado a día de hoxe nunhas cincocentas firmas pertencentes a 50 sectores do máis variado. Lembrar que Libra é un conxunto de ferramentas dirixidas a achegarlles ás empresas a máxima funcionalidade a tódolos niveis.
Segundo informa Edisa, con esta serie de aplicacións (CRM, xestión de procesos, mobilidade, comercio en rede) as empresas poden obter as vantaxes que achega un produto estándar e integrado, “sen perder a capacidade de adaptación ás necesidades específicas da empresa”.
Volvendo ao vídeo en cuestión, dicir que no seu seo detállase un caso práctico que abrangue a creación dun novo provedor, a recepción de mercancía e, especialmente, o proceso a seguir para a súa dixitalización. Tamén se amosa como estas facturas poden almacenarse dentro do xestor documental de Libra, permitindo a procura de caracteres dentro de calquera documento. “O exemplo complétase coa sinatura electrónica do documento recibido, aspecto que desenvolve o software de dixitalización que debe estar homologado por Facenda española”, engade Edisa.

PUBLICIDADE