Edisa prepara o seu software para novas obrigas ás empresas da Facenda portuguesa

venres, 3 de maio do 2013 Redacción

A firma galega Edisa, con sedes en Ourense e Vigo e especializada en plataformas tecnolóxicas para o eido corporativo, vén de informar dunha serie de novos desenvolvementos e optimizacións no seu software Libra, ferramenta de xestión empresarial presente xa en compañías de toda España, Latinoamérica e Portugal. Precisamente, os traballos de mellora estanse a facer con vistas aos clientes que operen no país irmán, onde o Goberno estableceu unha serie de procedementos de intercambio electrónico de información coas empresas, destacando a implantación do SAFT (normativa de cumprimentado de datos por vía en liña definida por lei en Portugal) e a obriga de incluír unha pegada dixital nas facturas emitidas.
Este ano 2013, informa Edisa, está previsto establecer un novo procedemento que pode afectar de forma moi importante ás empresas que operan en Portugal e para o que xa se están a facer as adaptacións oportunas en Libra. Máis polo miúdo, trátase de incluír nos albarás emitidos un código achegado pola Facenda portuguesa, co que se notificarán os movementos de produtos e mercadorías.

PUBLICIDADE