Económicas da USC comeza en outubro un curso específico en mercadotecnia dixital

venres, 5 de setembro do 2014 Fernando Sarasketa

Á volta das vacacións de verán amplíase (e moito) o abano de actividades formativas TIC, algunhas delas de especial interese para quen ande buscándolle o miolo ás redes sociais e os novos servizos web co obxecto de ampliar mercado ou simplemente medrar. Por exemplo o primeiro curso de especialización en Marketing Dixital que está a ultimarse dende a Universidade de Santiago, USC. A achega formativa, que se impartirá a partir de outubro na Facultade de Económicas, os xoves e os venres en horario de tarde durante todo o curso, busca preparar ás tituladas e titulados para unha nova orde de cousas: boa parte da actividade para a que se formaron, agora realizarase en Internet.
Máis polo miúdo, formará aos participantes en novas tendencias da mercadotecnia en Internet e capacitaraos como profesionais en áreas de gran demanda como a xestión de comunidades en liña, a creación e planificación de proxectos web, a consultaría SEO/SEM, o mobile marketing, a planificación e desenvolvemento de campañas empresariais en liña, etc.
O prazo de preinscrición rematará o próximo 15 de setembro.
Segundo informan os responsábeis do curso, o conxunto de docentes encargados de impartilo posúen unha ampla experiencia profesional acreditada na súa área, sobre todo nos eidos relativos á mercadotecnica nas contornas dixital. A idea é que tiren proveito de toda esa bagaxe e coñecemento para subministrar aos alumnos coñecementos teóricos e, por suposto, “unha visión realista e acorde coas necesidades actuais do mercado e das empresas”, infórmase.

PUBLICIDADE