Economía e Industria elabora un Atlas Enerxético Dixital con toda a información das infraestruturas enerxéticas de Galicia

luns, 30 de xullo do 2012 Redacción

A Consellería de Economía e Industria elaborou un Atlas Enerxético de Galicia no que o Instituto Enerxético de Galicia ten dixitalizado e compilado toda a información xeográfica das infraestruturas enerxéticas da Comunidade. O Atlas permite á Administración coñecer a situación ou o grao de desenvolvemento das infraestruturas e tamén serve de base para a elaboración de plans ou liñas de actuación que favorezan unha evolución máis equilibrada e competitiva do sistema enerxético.
Esta ferramenta, en constante revisión e actualización, dota á Administración dos mecanismos necesarios para atender, no menor tempo posible, as consultas relativas a subministros eléctricos, facilitando o desenvolvementos de novas infraestruturas e mellorando a competitividade empresarial galega.
O Atlas deseñouse a través de 25 bases de datos que conteñen máis de 90 táboas de información alfanumérica e máis de 80 entidades con información espacial de xeito que esta aplicación permite a elaboración de distintos mapas enerxéticos nos que visualizar, automaticamente, a información requirida: liñas de alta e media tensión, plantas de coxeración, centrais hidráulicas, parques eólicos ou infraestruturas gasistas. Configúrase, así, un inventario de instalacións enerxéticas de Galicia, que recolle a implantación das mesmas no conxunto do territorio e dota á Administración dunha visión integral da comunidade neste campo.
Deste xeito, a Consellería que dirixe Javier Guerra pon en marcha unha ferramenta coa que é posible dispor, en tempo real, de toda a información necesaria á hora de coñecer o acceso ás distintas fontes de enerxía nun determinada zona, con todas as vantaxes que isto supón á hora de facilitar á implantación de empresas en dito territorio ou, tamén de cara ao desenvolvemento de parques empresariais.

PUBLICIDADE