EasyonPAD e R participan na nova edición da xuntanza de negocios de AEMOS

venres, 13 de marzo do 2015 Redacción

A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) comunícanos que vai celebrar a terceira edición do seu Encontro de Negocios AEMOS, o vindeiro 25 de marzo no Hotel Talaso Atlántico de Oia. Será, sinala a organización, unha cita para contactos, oportunidades de negocio, alianzas comerciais e novos investimentos. Unha das novidades do convocatoria deste ano, segundo engade a asociación, é a presenza dun colaborador TIC de especial relevancia no mercado, máis polo miúdo a plataforma EasyonPAD, un recurso tecnolóxico adaptado especificamente ao evento e que, tal e como explican dende AEMOS, impulsará a conectividade a interacción integral entre as distintas empresas e profesionais asistentes.
“Deste xeito, o encontro servirá de canle de promoción e difusión desta nova plataforma para a comercialización de produtos e servizos, destacando sobre todo no sector turístico e na organización de eventos”, informa a organización empresarial galega, que engade que este ano integrarán a xuntanza en Oia un total de 40 empresas da contorna de Vigo e a súa área metropolitana, das cales 30 serán novas no encontro (expoñendo por vez primeira as súas liñas de negocio), e as 10 restantes, participantes noutras edicións. O gran obxectivo de AEMOS é “favorecer a conexión entre o noso tecido produtivo asociado e incrementar a rede comercial das nosas empresas, sempre en prol de maiores cotas de negocio”, sinala o xerente da asociación, Francisco Domínguez.
As 40 empresas participantes presentarán as súas organizacións, establecerán relacións comerciais e exporán as súas experiencias de negocio co fin de estimular posíbeis novos investimentos.
O encontro dará comezo ás 09.00 horas do mércores día 25 de marzo coa recepción, acreditación e presentación do evento. Ás 09.15 horas haberá un almorzo de traballo sobre a xestión do absentismo laboral na PEME. Media hora despois, está previsto que comece a primeira rolda de presentacións das empresas participantes, sendo a segunda quenda ás 12.00 horas. Tamén haberá dúas mesas de protagonistas, ás 10.45 e ás 13.30 horas, nas cales se formarán grupos reducidos de empresas agrupados por actividade empresarial de interese. A xornada completarase con dous coloquios, un sobre o financiamento das PEME en 2015, ás 11.30 horas a cargo de Martín Blanco, director de zona Porriño-Condado-Paradanta de Abanca; e outro, ás 13.00 horas sobre o traballo remoto colaborativo, a cargo de David Veloso, do departamento de Mercadotecnia de R.

PUBLICIDADE