ETB3 foi a primeira canle europea en integrar Twitter en directo nun dos seus programas

venres, 3 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Esta semana o programa sobre cultura web Nick dut nik que se emite a través da canle de televisión dixital terrestre ETB3, realizou unha proba piloto ao integrar en directo mensaxes a través de Twitter, coma moitos outros espazos televisivos fan actualmente con mensaxes de texto remitidos dende o móbil.
Os usuarios só tiñan que etiquetar as súas mensaxes coa palabra chave #nickdutnik, recibíronse preto de 300 tuiteos durante os 25 minutos da emisión do programa, publicándose preto do 30% dos mesmos (incluíndose en moitos casos os avatares que representan aos autores das mensaxes). En total participaron 160 usuarios de Twitter, e a conta de Twitter do programa televisivo incrementou os seus seguidores en 45.
Dende Factoría Crossmedia, impulsores deste experimento, aseguran que é a primeira proba deste tipo de se realiza en Europa e unha das primeiras a nivel mundial, e pensan repetir esta fórmula de participación no futuro, aprendendo dos erros (o sistema sufriu colapsos en momentos puntuais) e permitindo que os espectadores poidan aportar os seus propios puntos de vista e opinións sobre os contidos en emisión, aínda que non parece que moitas canles de televisión vaian a apostar por esta solución tecnolóxica ante os importantes beneficios que xeran as SMS ás canles de televisión.


Vídeo no que se explican as probas de integración de Twitter nun programa da ETB3

PUBLICIDADE