EMEGA mobiliza máis de 4,8 millóns de axudas para o fomento do emprego feminino

luns, 17 de xullo do 2023 S. P.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e a secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, achegaron este luns 17 de xullo máis detalles sobre o programa EMEGA de fomento do emprendemento feminino, cuxo prazo de solicitude de axudas estará aberto até o 7 de agosto e que nesta edición saldarase nunhas 370 axudas grazas a un orzamento case un 10% superior ao do ano pasado. Rivo compartiu esta información nunha visita a unha escola infantil e a un taller de xoias 3D beneficiarios en conxunto de 44.000 euros no marco deste programa e que cualificou de perfectos exemplos do “talento feminino”.
Na estadía en Ourense a conselleira recordou que as axudas EMEGA “permiten incrementar a presenza feminina no mercado laboral galego”, o que “suporá un gran avance colectivo e unha maior prosperidade para Galicia axudando a mulleres emprendedoras e talentosas”· En concreto, buscan apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres.
A conselleira lembrou que o programa está integrado por catro liñas: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego feminino estábel por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais impulsados por mulleres ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica promovidas por mulleres; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como ás traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.
En concreto, a escola infantil Arlequín viuse beneficiada dunha achega de 17.000 euros da liña Activa co gallo de renovar os materiais dedicados á educación dos nenos, adquirir equipamento tecnolóxico e crear unha páxina web que permita unha mellor interacción entre os pais e a escola, así como para investir en mercadotecnia online. “Deste xeito, contribúese á consolidación dos postos de traballo das seis mulleres profesionais coas que conta o negocio, todas con contrato indefinido”, sinalou a conselleira.
No caso da empresa de deseño e fabricación de xoias Suagongo, con dous postos de traballo femininos asociados, unha subvención de 27.000 euros da liña ITEF permitirá dar un pulo a esta iniciativa que combina a artesanía tradicional coa tecnoloxía 3D.
Para resultar beneficiarias, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viábel económica, técnica e financeiramente. Á hora de distribuír as axudas, teranse en conta, entre outros criterios, o emprego feminino xerado e/ou mantido por conta propia ou allea de carácter indefinido, a pertenza a sectores económicos nos cales as mulleres estean infrarrepresentadas, a contribución á integración laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade ou desempregadas de longa duración ou se a actividade empresarial está dedicada á prestación de servizos de conciliación.

PUBLICIDADE