EGANET sitúase a prol da colaboración como instrumento contra a crise

xoves, 9 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Luz Castro, Beatriz Legerén e Miguel Casal, membros da directiva

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) tivo esta semana un evento crucial da súa axenda. Máis polo miúdo, foi un acontecemento duplo e complementario: por unha banda, a estrea oficial perante o equipo responsable da entidade da súa nova sede na rúa Pérez Constanti de Santiago (preto da praza de Galicia) e, pola outra, a asemblea extraordinaria da xunta directiva. A cita desenvolveuse onte mesmo ao mediodía (precisamente) nas novas instalacións, onde os membros da entidade, amais de ter ocasión de tirar partido abondo dos servizos habilitados (gabinete de tránsito, acceso á Internet Wi-Fi, equipamento tecnolóxico, sala de xuntas), tiveron a ocasión de fortalecer os seus obxectivos e darlles forma aos programas vindeiros de actuación.
Máis polo miúdo, afianzouse o seguinte obxectivo: “Facer forte ao sector nun contexto de crise económica”. Este intre de recesión económica, que, segundo indicaron non está a afectar aos socios de EGANET, foi en boa medida o eixe das cuestións tratadas.
Amais dos seguintes, en parte propostos como medidas para atallar a dita crise: a profesionalización, a especialización e a formación dos empresarios do sector; a planificación estratéxica (que vai incluír un estudo sobre o posicionamento das firmas TIC galegas); a procura de máis e mellor colaboración e a potenciación dos produtos.

O novo local e as súas achegas

O local que acolle a sede de EGANETdesde finais do pasado mes de xullo ten unha dimensión de 220 metros cadrados, o que lle permite á entidade ofrecerlles aos asociados novos servizos, como son o gabinete de tránsito, mediante o cal todos os socios poden acceder ás instalacións para aproveitar o tempo entre xestión e xestión.
Nas oficinas de EGANET, os usuarios dispoñen de acceso a Internet por Wi-Fi e poden usar o equipamento existente, así como a sala de xuntas, á disposición das empresas que non teñen a súa sede na capital ou que, téndoa, non está emprazada no centro da cidade. Dado que Santiago é o centro administrativo de Galicia, a Asociación ofrécelles tamén aos socios a posibilidade de que o persoal de xestión da asociación realice os trámites que precisen os asociados. En concreto, tres son as persoas que traballan a tempo completo na entidade, que conta así cunha estrutura profesionalizada da que se benefician as empresas.
A constitución da directiva
A actual directiva de EGANET (o equipo que mantivo este mércores a asemblea extraordinaria nas novas instalacións de Compostela) está constituída do seguinte xeito: ocupa a presidencia Beatriz Legerén Lago (en representación da empresa Interacción); a vicepresidenta primeira é María Luz Castro Pena (Imaxin); vicepresidente segundo, José Miguel Casal Lage (Shylex); secretaría, Víctor López García (AVA); e o tesoureiro e responsable de comunicación é Daniel Cerqueiro García (Galinus).

PUBLICIDADE