EGANET facilita cunha nova ferramenta o día a día dunha asociación

xoves, 17 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Daniel Cerqueiro, Alejandro Lamas e Juan Manuel Méndez durante a presentación en Compostela da nova ferramenta

Ser a primeira das asociacións empresariais TIC posta en marcha na nosa terra obrígache a facer camiño social, empresarial e tecnoloxicamente. Así o entende EGANET, para quen hai unha serie de elementos especialmente vantaxosos para a cidadanía dentro da Sociedade do Coñecemento que non se poden deixar de lado. Un destes elementos que EGANET vese no compromiso de impulsar e promover é sen dúbida a participación social que poñen en xogo as TIC. Nesta liña insírese o servizo presentado pola asociación galega este xoves en Santiago: na liña de recordarnos, pola vía das redes, que a nosa opinión conta. Falamos de e-democracia, un servizo que vai ser empregado en breve pola propia EGANET e que se dirixe a facilitar, dentro dunha asociación, a concorrencia dos socios na vida cotiá, na organización e no futuro do ente ao que pertencen. “A clave”, comentaron os responsables da asociación galega na súa cita cos medios no Centro ON (Novacaixagalicia) de Santiago, “é darlle a entender a calquera persoa que a súa participación é importante”.
Máis polo miúdo, trátase dunha plataforma tecnolóxica desenvolvida por Enxendra (firma integrante de EGANET) e que permite, entre outras cousas, o dereito ao voto por Internet dos membros dun colectivo, todo avalado por recursos como a sinatura dixital e a capacidade de identificación que achega o DNI electrónico. “A nosa idea”, comentou Víctor López, presidente de EGANET, “é partir de algo xa estendido entre unha boa parte da cidadanía galega, ou piques de selo, como é o DNI electrónico, para amosar as moitas vantaxes que ten este recurso no eido da participación democrática, neste caso dentro dunha asociación”. Ao seu xuízo, o labor disto ten valor duplo, xa que se contribúe tamén a expoñer claramente e dunha vez por todas os beneficios da tarxeta electrónica que nos identifica, hoxe en día por debaixo do seu potencial de uso.
Víctor López estivo acompañado na cita por Daniel Cerqueiro, vicepresidente de EGANET, e máis por Brais Méndez, membro da firma Enxendra Technologies, quen fixo un percorrido detallado polo funcionamento e vantaxes da plataforma, entre as que se conta a fonda transformación que imprime nos métodos tradicionais de votación, até o de agora suxeitos a unha presenza obrigada do votante e a outros requirimentos que por forza dan máis traballo e obrigan a máis desprazamentos do que sería desexable.
A cuestión clave é que grazas á simplificación do labor de votación, de xeito paradoxal acádase unha meirande implicación do socio na toma de decisións. “O día a día de cada quen”, sinalou Cerqueiro perante os medios, “complica a marxe de participación na actividade asociativa; desprazamentos, reunións, debates e finalmente as votacións, é un procedemento que leva tempo de máis”. A solución que achega EGANET permite pois unha toma de determinacións máis consensuada, meirande facilidade para formar parte dun debate e máis o voto a través de Internet. Con isto, infórmase, camíñase cara a supresión de xuntanzas de obrigada concorrencia física, evita desprazamentos e achega axilidade e eficacia no día a día asociativo.
Na rolda de prensa convocada por EGANET tamén participaron Juan Manuel Méndez (membro da empresa socia Iterdata Networks, pioneira á hora de establecer os alicerces do proxecto) e Alejandro Lamas, secretario da asociación empresarial galega. Xuntos fixeron fincapé no feito de que a plataforma presentada en Santiago, que non xorde con arela de lucro, responde a necesidades ben concretas que nos afectan a todas e todos. De feito, todo integrante dunha asociación, colectivo, corporación, administración, entidade ou empresa sabe ben o que significa que se gañe en axilidade, comodidade e eficacia na toma de decisións do ente no que se integra.
Asemade, a aplicación garante un maior peso democrático e de transparencia ao tempo “que se salvagardan os principios básicos do asociacionismo”, comentou Alejandro Lamas. A plataforma presentada, que como dixemos permite efectuar xeiras continuas de voto electrónico (cuxos resultados se rexistran para poder consultalos logo e optimizar o rumbo do colectivo), baséase en servizos de sinatura dixital avanzada, “todo substentado na lei de sinatura electrónica actualmente vixente”, explicou Brais Méndez. A idea de Enxendra e EGANET acerca do futuro deste recurso é tirarlle o máximo partido dentro da asociación, a partir de xa, e compartir con outras entidades semellantes o seu emprego e as súas vantaxes. Como se dixo, non haberá arela de lucro, polo que os posibles pagos reduciríanse só a cubrir os custes de implantación.
A plataforma, informaron, ten potencialidades no eido privado, nas empresas, e tamén nas institucións públicas, aínda que esta vertente está aínda por desenvolver nunha segunda fase.
Por certo que e-democracia, tamén coñecida como Democracia Dixital, contou para o seu desenvolvemento co apoio e colaboración da Secretaría Xeral de Modernización da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE