EGANET advirte de tentativas de suplantación de identidade que afectan a unha empresa socia

martes, 10 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Este martes espertamos cunha nova xenérica e outra específica sobre suplantación de identidades nas redes. Dase a casualidade de que ningunha das dúas achega un panorama moi acougante. A primeira refírese á porcentaxe de persoas que en España foron suplantadas recentemente ao abeiro das ferramentas dixitais: un 8% da cidadanía, segundo apunta Eurobarómetro, porcentaxe da cal, un 1%, afirma ter sido vítima destes delitos de xeito repetido. Pola súa parte, a entidade galega EGANET advírtenos de que unha empresa socia, Cosaart, leva sufrindo dende o pasado mes de maio este mesmo problema de e-apropiación.
Máis polo miúdo, o nome da dita firma, estudo de arte dedicado a crear imaxe corporativa e xestionar publicidade en liña, está a aparecer en estratexias alleas de suposta índole comercial, que non teñen que ver con ela, para obter cartos a través das redes.
Estaríamos pois ante un claro caso de suplantación de identidade. As ditas estratexias, segundo informa EGANET, consisten no emprego ilegal da devandita empresa para vender guías publicitarias inexistentes, mesmo chegándose a xerar contratos e facturas falsas para estafar baixo o seu nome. EGANET quere amosar o seu firme rexeitamento a este tipo de prácticas, e advirte a todas aquelas persoas que estean a ser obxecto destas tentativas de vendas, teñan en conta que baixo ningún concepto poderán ter procedencia en Cosaart, xa que “ninguén que pertenza oficialmente a esta empresa pedirá diñeiro por adiantado para calquera tipo de venda ou negocio”. De feito, engade a entidade, todas as transaccións coa empresa real se realizan mediante transferencia bancaria previo contacto dende a central cos clientes para pechar as transaccións.
A empresa Cosaart desvincúlase totalmente das accións que están sendo levadas a cabo por estes criminais. Estas estafas estanse a dar na zona de Llanera en Asturias.

PUBLICIDADE