EGANET abre o prazo para presentarmos candidaturas á nova edición dos seus premios

mércores, 16 de novembro do 2011 Redacción

Víctor López, presidente da asociación galega, na gala da edición 2009 dos seus galardóns

EGANET quere seguir traballando a prol da innovación galega e, tamén, por recoñecer esa innovación e presentala perante o mundo. Por este motivo, vén de convocar unha nova entrega do seus premios, uns galardóns con oito anos de traxectoria impulsando a creatividade dos nosos profesionais, empresarios e axentes do noso sector tecnolóxico-dixital, comprometidos co afianzamento das redes da información na nosa terra. O prazo de presentación das candidaturas está xa aberto desde este mércores 16 ata o día 8 de decembro de 2011 ás 23:59 horas. A gala de entrega dos galardóns celebrase o 21 de decembro.
Segundo fai saber EGANET, un ano máis convídase a participar no certame a unha ampla variedade de convocadas/os potenciais: empresas, profesionais, asociacións, organizacións empresariais, ONGs, entes públicos e calquera outro organismo con sede social en Galicia poderán presentar as candidaturas aos premios, “sempre e cando realicen proxectos no eido das tecnoloxías da información e as comunicacións”, sinala a asociación facendo referencia ás bases dos premios. E continúa: “De non ter razón social en Galicia, os/as candidatos/as poderán participar se teñen relación clara coa cultura, lingua ou sociedade galegas”.
Nesta edición, configuráronse as seguintes categorías: Mellor Proxecto Empresarial TIC, Mellor Proxecto Emprendedor TIC, Mellor Aplicación Software, Mellor Proxecto de Negocio Online e Mellor Comunicación Dixital.
A estas engádese o Premio Especial EGANET, que a asociación outorga ao proxecto, entidade ou personalidade galega que desde a última edición dos galardóns “máis se esforzase en dar a coñecer e impulsar a realidade galega na Rede e, deste xeito, contribuíse a promover as novas tecnoloxías en Galicia” . Para esta modalidade non se recibirán candidaturas e será EGANET a que elixa directamente ao premiado ou premiada.
O apoio de máis de 800 empresas e 1.100 proxectos presentados nas sete edicións anteriores avalan os Premios EGANET “como un proxecto maduro, consolidado e o de maior repercusión para o sector TIC galego”, sinalan fontes da asociación empresarial.
Os premios contan con financiamento do Plan Avanza do Ministerio de Industria e da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE